- Reino Unido é o cuarto mercado internacional e o que máis medrou en 2025 cun 14%
- Galicia é unha alternativa para as novas tendencias deste turista, centradas en experiencias auténticas e personalizadas, que valora a natureza e a cultura local
- O director de Turismo salientou a paisaxe, patrimonio, gastronomía e o Camiño de Santiago como principais reclamos do turismo que busca o visitante británico
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo este luns unha axenda de traballo na capital londinense para presentar o destino Galicia de acordo coas novas tendencias do turista londinense centradas sobre todo na sostibilidade. Neste sentido, Xosé Merelles destacou a proposta galega como unha alternativa idónea baseada na riqueza paisaxística, patrimonial e gastronómica, ao tempo que sinalou tamén o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2027.
O mercado británico foi o que máis medrou en 2025, concretamente o 14%, con máis de 130.000 viaxeiros e 230.000 noites nos establecementos de aloxamento da comunidade. Cun gasto medio de 137 euros, un 4% máis que en 2024, este foi o cuarto mercado internacional; unhas cifras que o converten en estratéxico para a comunidade autónoma.
A primeira hora desta xornada, o director de Turismo de Galicia mantivo unha reunión cos responsables da asociación profesional do sector das viaxes en Reino Unido, ABTA (Association of British Travel Agents, hoxe ABTA – The Travel Association). Trátase dunha entidade referente do sector turístico británico, con máis de 1.200 empresas asociadas e 4.300 marcas. Con ela analizou as novas tendencias do turista británico que busca cada vez máis experiencias auténticas e personalizadas, valorando especialmente a natureza, a cultura local, a gastronomía, o patrimonio e as actividades ao aire libre como o sendeirismo.
O turista británico tamén amosa un crecente interese por destinos con identidade propia e que permitan un contacto máis próximo coa comunidade local. Estas tendencias encaixan especialmente ben coa oferta turística de Galicia, segundo apuntou Xosé Merelles, “que combina paisaxes naturais de gran valor, rutas como o Camiño de Santiago, unha recoñecida tradición gastronómica, patrimonio histórico e cultural singular e unha ampla variedade de experiencias sostibles e de calidade ao longo de todo o ano”.
Xornada co sector
Posteriormente, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou no foro profesional Travel Forward, considerado como referente nos eidos da innovación, tecnoloxía e análise de tendencias no sector turístico. Este espazo abordou os principais retos e oportunidades que marcan a evolución do turismo nos próximos anos, promovendo o intercambio de coñecemento sobre cuestións como a sostibilidade, a transformación dixital, a personalización da experiencia turística e os novos hábitos de viaxe dos mercados emisores.
Durante a súa intervención, referíndose aos datos rexistrados en 2025 do mercado británico, Xosé Merelles subliñou que estes “reforzan a capacidade de Galicia para atraer unha demanda internacional cada vez máis interesada en experiencias auténticas, sostibles e vinculadas ao territorio”.
Incidiu ademais en que Galicia teñen cabida as novas tendencias que están a detectarse no mercado británico, que evolucionou nos últimos anos cara a un modelo de viaxe que combina costa, gastronomía, natureza, patrimonio e deporte. “Galicia ofrece unha proposta baseada na autenticidade do territorio e nun turismo de calidade”, sinalou.
Neste contexto, destacou o papel do Camiño de Santiago como un dos intereses principais do turismo estranxeiro. En 2025, máis de 14.600 peregrinos procedentes do Reino Unido obtiveron a Compostela, situando este país na quinta posición entre os mercados estranxeiros que máis peregrinos achegan ao Camiño.
Durante o encontro, Xosé Merelles tamén lembrou que Galicia está a rexistrar avances significativos na distribución da demanda ao longo do ano, tanto no turismo como no Camiño de Santiago, e destacou o potencial de produtos como o turismo termal ou o enoturismo, entre outros. “Queremos seguir medrando de maneira responsable, garantindo a conservación dos recursos que fan de Galicia un destino único”, afirmou.
A xornada reuniu representantes de Galicia e Asturias, ademais de operadores turísticos e profesionais do sector británico para reflexionar sobre os retos futuros dos destinos turísticos e a necesidade de reforzar a colaboración entre administracións e industria para construír modelos máis resilientes e sostibles no futuro.

