O director de Turismo de Galicia participa xunto o delegado da Xunta en Pontevedra na presentación do festival que arranca este xoves no concello de Portas
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou hoxe a consolidación do festival Portamérica como un importante atractivo turístico de Pontevedra cada verán. Así o manifestou durante a presentación da edición deste ano que, volve contar co apoio da Xunta de Galicia, e que comezará o xoves 4 ata o sábado 6 de xullo.
Acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Merelles salientou a capacidade deste festival para atraer numeroso público atraído pola calidade dos artistas nacionais e internacionais pero tamén “pola súa aposta cada vez máis importante pola sostibilidade e as propostas gastronómicas”, expresou.
Neste sentido, felicitou aos promotores por ter conseguido consolidar o festival e “reunir tres dos elementos que diferencian o modelo turístico galego: a gastronomía, a sostibilidade e ser sede de grandes espectáculos musicais”, indicou. Neste sentido, salientou a aposta do Goberno autonómico por seguir apoiando os grandes festivais tendo moi en conta tamén o impacto que xera nos destinos nos que se celebra.
Xosé Merelles recordou tamén que é un dos festivais nos que a Xunta instalará puntos lila e arcoiris con actividades para promover a igualdade entre os asistentes, ademais de ofrecer atención especializada e continuada para previr e actuar ante posibles agresións sexuais e LGTBIfóbicas. Xunto a Portamérica tamén estarán durante este verán no Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, Atlantic Fest (Vilagracía de Arousa), Morriña Fest (A Coruña), Río Verbena (Pontevedra) e Caudal Fest (Lugo).