Xosé Merelles valora a contribución do Certame “Sete Cidades, Sete Sabores” no crecemento do turismo urbano e gastronómico na última década

Redacción
  • Organizado por Turismo de Galicia, consolídase como ferramenta de promoción e reforzo da desestacionalización
  • No que levamos de 2026, o 53,5% da demanda hoteleira de Galicia corresponde aos destinos urbanos

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado pola delegada territorial da Coruña, Mª Belén Do Campo, a delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e o delegado territorial de Pontevedra, Pablo Fernández, asistiu hoxe á gala da décima edición do certame a Mellor Cociñeiro de Tapas ‘Sete Cidades, Sete Sabores’, celebrado na Cidade da Cultura.

A cita, organizada por Turismo de Galicia, reuniu a sete representantes das cidades galegas: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La Zapatería del Abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Cos seus pratos, estes participantes reivindican a calidade do produto galego.

Na súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que esta cita “celebra moito máis que un concurso de tapas”, pois representa unha Galicia interesada na excelencia do seu produto, cada vez máis recoñecido dentro e fóra da comunidade. Neste sentido, puxo en valor que as sete elaboracións finalistas constitúen un “reflexo da capacidade da gastronomía galega para combinar tradición e innovación”.

Merelles subliñou tamén que “a gastronomía é hoxe un dos grandes elementos diferenciadores da oferta turística galega”, ademais de ser unha forma de atraer visitantes interesados en descubrir o territorio a través da súa identidade e dos produtos procedentes da terra e do mar. Tamén lembrou que “esta edición é especial ao cumprirse dez anos da creación da gala, creada co obxectivo de reforzar o turismo urbano mediante a gastronomía e proxectar a imaxe de Galicia como destino gastronómico”.

Neste tempo, o certame contribuíu tamén a avanzar nos obxectivos estratéxicos da Xunta para favorecer a desestacionalización da demanda turística e reforzar o atractivo das cidades galegas como destinos complementarios á costa e ao turismo rural. Como exemplo, Merelles destacou que “nestes primeiros meses de 2026, o 53,5% da demanda hoteleira de Galicia correspondeu aos destinos urbanos, un dato que remarca a importancia de seguir apostando por produtos turísticos que enriquecen a experiencia dos visitantes e consolidan un perfil de viaxeiro interesante para Galicia, como é o turista gastronómico”.

Coa celebración desta décima edición, Turismo de Galicia reafirma o seu compromiso coa promoción da gastronomía como un dos principais eixos da oferta turística galega e como estratexia para seguir fortalecendo o posicionamento de Galicia como destino de referencia ao longo de todo o ano.

Comparte este artigo