Xunta e Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia forman a máis de 160 profesionais do sector sobre a rehabilitación de estruturas de madeira

Redacción
  • O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, asiste en Ourense ao taller práctico impartido por técnicos do CIS-Madeira co que se da por rematado o curso formativo
  • Destacou a aposta do Goberno galego por impulsar o emprego da madeira no eido da construción como elemento clave na xeración de valor do recurso forestal

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, subliñou hoxe na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas, as posibilidades que se abren para o sector forestal co emprego da madeira no eido da construción, tanto en obra nova como en rehabilitación. “Un elemento que se pode reutilizar e reciclar e que vai xogar un papel fundamental para axudar no proceso de descarbonización do sector da edificación”, apuntou. 

Fernández Ríos asistiu esta mañá no Centro de Innovación e Servizos da Madeira (CIS-Madeira) ao peche do curso Rehabilitación de estruturas de madeira, organizado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) no marco do acordo de colaboración asinado coa Xera en 2019. Un convenio que está a permitir a organización de actividades formativas en edificación, rehabilitación e sustentabilidade no emprego da madeira como a que tivo lugar hoxe e na que tomaron parte máis de 160 profesionais da arquitectura galega.

Logo de 8 sesións eminentemente teóricas, preto dunha trintena de alumnos tiveron ocasión de participar hoxe nun taller práctico impartido por técnicos do CIS-Madeira sobre exemplos de intervención en estruturas de madeira. Así puideron aprender como reforzar unha viga mediante o uso de diferentes técnicas e mesmo coñecer materiais accesorios e habituais na rehabilitación deste tipo de elementos.

O director da Xera indicou que a Administración galega e o COAG levan máis dun lustro colaborando para “promover a formación, a transferencia e difusión do coñecemento en materia de construción e rehabilitación con madeira”. Unha labor que se complementa coa divulgación de obras exemplares.

Fernández Ríos rematou a súa intervención lembrando o compromiso do Goberno galego para incorporar de xeito progresivo o emprego da madeira nas edificacións que promova ou execute a Administración pública e ata acadar o 20%. Un obxectivo para o que se chegou a acordos de colaboración entre organismos públicos como o subscrito entre XERA e o SERGAS, ou entre a XERA e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Instituto Galego de Vivenda (IGVS).

Comparte este artigo