- A través do acordo asinado hoxe, abordarase unha intervención de conservación e mellora no estacionamento e viarios adxacentes, para reforzar o papel deste espazo como nó de conexión comercial e urbano, mellorar a experiencia de uso da cidadanía e optimizar a capacidade dos pavimentos
- Actuarase coa pavimentación do estacionamento, a mellora do firme e das beirarrúas existentes e a eliminación de barreiras arquitectónicas para acadar unha contorna máis segura, accesible e homoxénea
- A través do convenio do Plan Hurbe, a Xunta financiará o 70% do custe da actuación e contratará e executará as obras, mentres que o Concello de Poio asumirá o 30% restante
A Xunta e o Concello de Poio asinan o convenio para a mellora do estacionamento público na contorna da Ponte da Barca, que suporá un investimento total de preto de 230.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, firmou hoxe co alcalde de Poio, Ángel Moldes, o acordo para a execución destes traballos ao abeiro do Plan Hurbe do Goberno galego.
A conselleira destacou esta colaboración para acondicionar e humanizar unha contorna “estratéxica” na contorna da Barca, e reforzar o papel deste espazo como nó de conexión comercial e urbano entre os concellos de Poio e Pontevedra. Allegue incidiu en que se trata dunha zona clave na mobilidade local, cunha elevada actividade comercial e de servizos, con presencia de tráfico rodado e peonil continuo, no que o estacionamento é utilizado a diario como aparcamento disuasorio por veciños e visitantes.
Coas obras proxectadas melloraranse os viarios de acceso ao centro comercial e acondicionarase o aparcamento público. Así, rehabilitarase o firme, acondicionaranse as beirarrúas e eliminaranse as barreiras arquitectónicas, contribuíndo así a facilitar a mobilidade nun espazo tan frecuentado. Acadarase, como destacou a conselleira, “unha zona máis segura, accesible e visualmente homoxénea, garantindo a continuidade dos itinerarios peonís e de vehículos”.
Allegue puxo en valor esta colaboración co Concello a través do Plan Hurbe, co que a Xunta axuda aos municipios a financiar actuacións de mellora das contornas urbanas ou os equipamentos públicos. Así, o investimento para executar esta actuación ascende a 228.375€ e, de acordo ao convenio asinado hoxe, a Xunta financiará o 70% (159.862€) e contratará e executará as obras, que terán un prazo de execución de tres meses. Pola súa banda, o Concello asume o 30% restante (68.512€), ademais de elaborar o proxecto. Prevese licitar as obras nas vindeiras semanas.
“Seguimos a traballar por unha Galicia máis vertebrada, cohesionada e atractiva para vivir, para emprender, para continuar medrando -sinalou-. En definitiva, apuntalando o noso selo Galicia Calidade”.

