— O director da Axencia Galega das Industrias Culturais reúnese nos Estudios Mans cos artistas destinatarios deste programa de acompañamento profesional que avanza nos obxectivos das dúas anteriores edicións
— A iniciativa afianza o potencial e a expansión dos artistas seleccionados mediante actuacións, asesoramento especializado, comunicación e seguimento individualizado
— A primeira cita aberta ao público terá lugar mañá ás 22,00 h. na sala Garufa Club da Coruña con entrada de balde
Sonemerxente+ iniciará mañá, 23 de abril, o seu calendario público de actuacións co concerto de LAW e Amoebo no Garufa Club da Coruña, primeira cita enmarcada nesta iniciativa de acompañamento profesional a artistas emerxentes galegos que se desenvolve a través da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza. A proposta dálle continuidade ao traballo desenvolvido polas dúas anteriores edicións de Sonemerxente, o programa de aceleración musical creado en 2023 para impulsar 12 proxectos musicais en diferentes fases do seu desenvolvemento e que agora avanza para centrarse en tarefas propias de management sobre nas carreiras de cinco dos artistas participantes: Amoebo, Javier Lago, Candela Liste, LAW e Adrián Timms.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, reuníronse hoxe nos Estudios Mans, na Coruña, con artistas e resto do equipo de Sonemerxente+ para coñecer de primeira man o avance do programa na véspera do seu primeiro concerto público. No encontro, o representante do Goberno galego destacou o papel desta iniciativa á hora de acompañar os novos valores da música galega “con ferramentas útiles e adaptadas ás necesidades reais de cada proxecto” e subliñou a importancia de seguir xerando espazos de impulso profesional para o sector desde a formación, a titoría e a conexión coa industria.
Máis alá da aceleración musical
Nesta nova etapa, Sonemerxente+ céntrase en reforzar a visibilidade, proxección e progresión profesional de cinco das propostas participantes nas anteriores aceleradoras musicais mediante un itinerario adaptado ás necesidades de cada unha delas. Combínase o apoio á promoción de concertos, campañas de comunicación, presentacións diante de empresas promotoras, asesoramento especializado e seguimento individualizado para favorecer o seu posicionamento e consolidación dentro da escena musical.
Amoebo, Candela Liste, Javier Lago, LAW e Adrian Timms, artistas seleccionados por unha comisión de profesionais do sector musical para participar en Sonemerxente+, recibirán ata setembro de 2026 accións de asesoramento en desenvolvemento artístico e creativo, comunicación e márketing, booking, orientación legal e administración e xestión, ademais de ser ofrecerlle os seus directos ao público.
No primeiro concerto de Sonemerxente+, mañá 23 de abril ás 22,00 h. (apertura de portas desde as 21,30 h.) no Garufa Club da Coruña e con entrada libre ata completar capacidade, compartirán carteleira LAW, proxecto de pop urbano e electrónica cunha identidade escénica propia, e Amoebo, proposta que fusiona ritmos latinos, funk-pop, cumbia e electrónica desde unha formulación fresca e performativa.

