Home Xunta de Galicia A tempada alta arranca este domingo en Cíes con preto de 1.200...

A tempada alta arranca este domingo en Cíes con preto de 1.200 reservas confirmadas para a ponte das Letras

- Anuncio -

— Entre o 15 de maio e o 15 de setembro, as persoas interesadas en coñecer o Parque Nacional das Illas Atlánticas deberán tramitar a correspondente autorización na web de reservas da Xunta e comprar un billete nalgunha das navieiras autorizadas


— Marta Fernández-Tapias salienta o interese turístico crecente que esperta este espazo natural e chama a gozar dos seus valores practicando o “turismo responsable”


— Lembra que o investimento previsto pola Xunta nos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada ascende a 6,1 millóns de euros para o período 2022-2023

Este domingo 15 de maio arranca oficialmente a tempada alta no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, un período que se estenderá ata o vindeiro 15 de setembro e durante o cal será imprescindible contar cunha autorización da Xunta para poder viaxar aos arquipélagos de Cíes e de Ons.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, estivo precisamente esta mañá nas Cíes para falar do inicio do transporte regular en barco ás illas e anunciar que, polo momento, xa hai preto de 1.200 reservas confirmadas, entre visitantes do cupo xeral e campistas, para as xornadas do 15, 16 e 17 de maio, coincidindo coa ponte do Día das letras galegas.

Neste sentido, a responsable autonómica salientou o interese turístico crecente que esperta o arquipélago vigués entre os visitantes que acoden cada ano a Galicia, principalmente durante os meses de verán. Por iso, fixo un chamamento a todos os que se acheguen ata as Cíes nos vindeiros catro meses para que gocen da súa riqueza “natural, cultural e paisaxística” practicando sempre un “turismo responsable”.

Así, lembrou que este é o único espazo natural da Comunidade que concentra seis das principais figuras de protección medioambiental que existen xa que forma parte da Rede ÓSPAR de áreas mariñas protexidas, é Zona de especial protección para as aves, Zona de especial conservación, Lugar de interese comunitario, e desde 2002, Parque Nacional.

Relevancia internacional
Tamén destacou a relevancia internacional das illas en recentes publicacións como o afamado The New York Times. “Este alcance internacional e as seis figuras de protección que se concentran no Parque Nacional non son froito dun día, senón dun labor constante por parte do persoal deste espazo durante os últimos anos”, apuntou a delegada.

Cómpre lembrar que o límite de visitantes diarios establecido durante a tempada alta vén fixado polo Plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional, que entrou en vigor en febreiro do ano 2019. Deste xeito, en Semana Santa e no período que vai do 15 de maio ao 15 de setembro, a capacidade máxima de Cíes é de 1.800 persoas diarias e a de Ons sitúase en 1.300, aínda que adicionalmente tamén se reservan prazas para os visitantes que se aloxen nos campings das respectivas illas así como para veciños e familiares, no caso concreto de Ons.

Así, a través da plataforma dixital habilitada pola Xunta, todas as persoas interesadas en achegarse a estes arquipélagos durante os vindeiros meses poderán tramitar, de forma telemática e totalmente gratuíta, a súa correspondente autorización, de carácter persoal e intransferible xa que está dotada dun código QR.

En todo caso, para poder acceder ao Parque Nacional é imprescindible adquirir tamén un billete de barco con calquera das navieiras que operan o servizo de transporte regular ás Cíes e ás Ons. Será nese momento, unha vez comprado o billete, cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por email ao solicitante, que poderá descargala se o prefire desde a propia páxina web.

Así mesmo, tamén se poderá viaxar neste período aos outros dous arquipélagos que integran o Parque Nacional: Sálvora, pertencente ao Concello de Ribeira, e Cortegada, ao de Vilagarcía de Arousa. Neste caso, sen embargo, o límite de visitas diarias é o mesmo durante todo o ano —250 persoas en cada un— e as opcións para poder visitalos son diferentes, xa que as viaxes están ligadas a rutas guiadas ofrecidas polas empresas autorizadas e ao espazo reducido de ambas illas.

Web renovada e investimentos previstos
Entre as novidades coas que cada ano a Xunta tenta mellorar a experiencia dos visitantes que se achegan a coñecer estas illas e contribuír á divulgación dos valores que as converten nunha das xoias naturais de Galicia, Marta Fernández-Tapias lembrou que o Parque Nacional estreou o pasado mes de xaneiro nova páxina web, un portal “máis visible e accesible” deseñado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ademais, tamén incorporou unha webcam con visión á cara norte de Cíes, que ofrece imaxes en tempo real desta parte da illa e se sumou ás outras dúas cámaras coas que xa contaba MeteoGalicia no arquipélago.

Así mesmo, cómpre subliñar que a Xunta levará a cabo entre este ano e o vindeiro actuacións que suman un investimento de máis de 6,1 millóns no Parque Nacional. No caso concreto de Cíes, prevese substituír as fosas sépticas e construirase unha nova rede de abastecemento de auga potable; mellorarase a caseta de información aos visitantes; e acometeranse actuacións para preservar o seu patrimonio natural, facendo especial fincapé en dúas zonas das illas: o Castro das Hortas e a duna de Muxieiro.

Relacionadas

A Xunta pon en servizo o novo aparcadoiro disuasorio de Domaio en Moaña, que...

0
― O orzamento desta actuación, coa que o Goberno autonómico segue a apostar por unha mobilidade máis sostible, elevouse á case 884.000€ ― Diego Calvo...

Xosé Merelles avanza que a futura estratexia de Turismo de Galicia 2030 porá o...

0
Recorda que se traballará para manter a boa convivencia, incrementar o grao de satisfacción e consolidar os datos da última Enquisa de Residentes que...

A Xunta destaca a importancia da formación entre o persoal das forzas e corpos...

0
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou na clausura da III Xornada de Saúde Mental Policial SAUDEPOL, organizada polo Sindicato Unificado...

Galicia e Portugal avanzan no desenvolvemento de infraestruturas verdes a nivel local ao abeiro...

0
Nesta iniciativa, que conta cun orzamento de máis de 2,1 M€, participan un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e...

A Xunta lanza unha publicación sobre a Serra do Oribio para promover os valores...

0
— Ángeles Vázquez incide en que esta contorna protexida combina a riqueza natural dun hábitat de montaña con importantes valores patrimoniais e culturais — Anima...

Diego Calvo asiste á toma de posesión de Sandra Vázquez como directora xeral de...

0
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe á toma de posesión de Sandra Vázquez como directora xeral de Relacións Institucionais...

Publicacións Relacionadas