A incorporación dunha técnica municipal permitirá ter aberto este espazo os próximos 6 meses: de mércores a venres, de 10:00 a 14:00 h., e sábados e domingos, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h.
O museo do poboado mineiro das minas de San Finx abre de novo as súas portas ao público, tras a incorporación dunha técnica municipal que se encargará de atender ás visitas. Así, as instalacións recuperan o seu horario habitual e abrirán en horario de mañá (de 10:00 a 14:00 horas) todos os mércores, xoves e venres. Os sábados e domingos haberá atención tanto en horario de mañá (10:00 a 14:00 horas) como de tarde (16:00 a 19:00 horas). As instalacións estarán pechadas os luns e os martes.
O museo reabriu hoxe mércores as súas portas cunha visita de 50 nenos e nenas do campamento do Liceo de Noia, que fixeron o típico percorrido polo museo e distintos edificios do poboado mineiro lousamiá. Unhas instalacións que estarán abertas tamén durante esta Semana Santa, nos horarios anteriormente indicados.
Visitas
A visita é libre, salvo para grupos de máis de 10 persoas nos que é preciso reservar praza chamando ao 679 583 332 ou enviando un correo electrónico a museominasdesanfinx@gmail.com. Aínda que as visitas se adaptan as dispoñibilidades de tempo do grupo, adoitan durar entre hora e hora e media.
A entrada ao complexo museístico ten un prezo de 2 euros, para persoas entre os 6 e os 64 anos, cunha tarifa reducida de 1 euro para persoas empadroadas en Lousame e grupos de escolares. A entrada é totalmente de balde para menores de 5 anos e persoas maiores de 65 anos.
As persoas que se acheguen polo poboado mineiro contarán co asesoramento e guía da técnica do Museo das Minas de San Finx, que lles dará a coñecer tanto a historia das minas como a súa evolución ao longo dos anos, así como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor este patrimonio.
A visita inclúe un percorrido polo centro de interpretación, onde se pode ver tanto unha maqueta a escala das minas como distinta documentación e trebellos relacionados coa traballo das minas e coa época, dende o propio wolframio ata teléfonos antigos, peneiras, imaxes antigas… Ademais, tamén se visitan os distintos inmobles do poboado mineiro (edificio de compresores, enganche eléctrico, armazón do pozo novo…) onde se poden contemplar os equipos que se utilizaban na extracción do mineral, algúns deles en perfecto estado de uso como compresores, cabrestantes, forno de fundición de estaño, etc.

