O certame bateu récord de participación con máis de 80 persoas inscritas de todas as idades
O Concurso de Pintura ao Aire Libre Pinta Tui bateu onte récord de participación con máis de 80 persoas inscritas. O certame tudense crece en cantidade e en calidade coma se pode comprobar nas obras presentadas a concurso que foron realizadas ao longo de oito horas na xornada de onte domingo.
O paseo da Corredoira, a praza da Inmaculada, a rúa das Monxas, o Paseo Fluvial, a Catedral, a Ponte Internacional, … foron só algúns dos lugares nos que as e os artistas centraron a súa mirada plasmándoa nas obras con técnicas e estilos moi diverso.
Jorge Morais Valle foi o gañador desta décimo primeira edición cunha obra na que plasmou o conxunto histórico de Tui e o río Miño. O premio está dotado con 1000 euros, menú para dúas persoas en La de Manu e un servizo de Blackbird Barber Concept. O segundo premio, dotado con 700€, foi para Juan Carlos Triñanes Buceta, e o terceiro, de 500€, recaeu na obra de Eduardo Pérez Baamonde. O cuarto premio foi para o traballo de Manuel Carballeira Riva, o quinto para Isabel Seidel, e o sexto para Abel Barandela Fernández, que recibiron 300€, 200€ e 100€ respectivamente, xunto a agasallos do comercio local.
Ángela Martín Bragado foi a gañadora da categoría xuvenil. Tamén foron premiadas as obras de Lukas Pérez Ramilo e Mía Durán Rodríguez, que recibiron o segundo e terceiro premio respectivamente.
Mentres na categoría Infantil Ethan Pérez Ramilo gañou o primeiro premio. O segundo correspondeu a Lois Tomé Barcia, o terceiro a Eva Corbillón Ferrol, o cuarto a Paola Sánchez Puga, e o quinto a Uxía Pérez Alonso.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, e as concelleiras de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez, e Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, foron os encargados de entregar os premios no Espazo Sociocultural. Previa á entrega dos premios o alcalde, Enrique Cabaleiro, felicitou ás persoas participantes polo traballo realizado sobre esta cidade, e amosou o compromiso do concello en seguir apostado pola arte.
Coas obras participantes neste XI Concurso de Pintura ao Aire Libre Pinta Tui realizarase unha exposición, na Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez, na que se poderá admirar o traballo realizado polas e polos participantes. As datas serán anunciadas proximamente.

