Home Pontevedra Baixo Miño O Concello inaugura en Pías a súa clara aposta polas escolas unitarias

O Concello inaugura en Pías a súa clara aposta polas escolas unitarias

- Anuncio -

Este domingo presentouse á veciñanza unha reforma integral do centro que se implementará progresivamente no resto do CRA María Zambrano

Búscase a posta en valor da educación de proximidade e a recuperación de edificacións de gran valor patrimonial no camiño da sostibilidade ambiental

O Rosal celebrou a pasada fin de semana unha exitosa xornada de portas abertas para presentar á veciñanza a reforma integral da escola unitaria de Pías, o primeiro gran paso na estratexia do Concello de reforma progresiva de todos os centros do CRA María Zambrano. “A transformación deste edificio é un exemplo da clara aposta que facemos dende o Goberno municipal non só pola educación de proximidade, senón tamén pola recuperación de inmobles de gran valor patrimonial seguindo sempre a liña da eficiencia enerxética e a sostibilidade medioambiental”, explicou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Neste sentido, o Concello está a facer un grande esforzo para captar fondos para a modernización destes centros nos que a única competencia que ten é de mantemento. Pero, como salientou a rexedora, “queremos ir moito máis alá. O noso obxectivo é apostar por ese modelo educativo diferencial que temos no noso municipio, un modo tamén de fixar poboación e manter viva a contorna. E para iso iremos reformando de forma integral todas as unitarias, evitando o posible deterioro estrutural de edificios únicos e mantendo as aulas en condicións óptimas e de confort para alumnado e docentes”.

Durante as obras de reforma, nas que se investiron arredor de 200.000 euros, implementáronse tamén medidas para facer da escola un centro máis sostible. Así, instaláronse medidas que axudan a reducir ao mínimo o consumo enerxético, como a renovación completa do sistema de alumeado interior e da carpintería, así como das instalacións eléctricas, de fontanería e saneamento; un novo illamento térmico e unha nova soleira que impermeabiliza o contacto co chan; o illamento do teito; a incorporación de chan radiante para substituír os radiadores eléctricos que producían un alto consumo; un sistema de aerotermia con bomba de calor de alta eficiencia ou un sistema de renovación do aire interior con ventilación mecánica e recuperación de calor para garantir a calidade de aire sen gastar enerxía na climatización.

Deste xeito, o Concello traballa para dar solución “aos dous buratos negros de consumo que se detectaron na auditoría enerxética municipal: as luminarias públicas, para as que xa conseguimos 1,2 millóns de euros de fondos europeos para a súa renovación, e as escolas unitarias, que polo tipo de instalación teñen un consumo de enerxía moi alto”.

A alcaldesa rosaleira quixo agradecer a colaboración da comunidade educativa, que durante a execución das obras fixeron un grande esforzo para que a reforma integral fose unha realidade. “Son un exemplo de bo facer, como demostraron durante a pandemia, con esa capacidade de adaptación única. A todas e todos os docentes, nenos e nenas desexámoslle un grande inicio deste curso post pandemia no que todo volve á normalidade”, recalcou.

Relacionadas

A Guarda prepara unha gran festa para celebrar as Letras Galegas

0
Blues do País, Magín Blanco e unha Foliada final serán os principais ingredientes desta xornada festiva. Neste 2024 A Guarda quere festexar o Día das...

O auditorio de Goián soará ao ritmo da Orquestra do Conservatorio Superior de Música...

0
Será este venres 10 de maio ás 20.30 horas con entrada libre O música resoará sobre o escenario do auditorio municipal de Goián co concerto...

60 familias de Salceda e Salvaterra beneficiaranse dun programa conxunto pioneiro

0
Os Concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, a través das súas respectivas Concellarías de Igualdade, veñen de botar a andar unha...

Baiona desentraña os segredos da arribada da Pinta nun emocionante xogo de escapismo ao...

0
Será o primeiro dos 14 escape rooms temáticos postos en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño relacionados...

Obras de pintado e sinalización no Paseo de Cardona, en Chapela

0
O Concello de Redondela informa que desde o mércores día 8 ata o venres día 10 de maio realizaranse traballos de sinalización horizontal e...

A praia de Cesantes rexistra a chegada das “lebres de mar”

0
A concellería de Medio Ambiente tivo coñecemento esta fin de semana da chegada de varios exemplares de “lebres de mar” á praia da Punta,...

Publicacións Relacionadas