Home A Coruña O Concello reivindica o uso da lingua e a figura de Luísa...

O Concello reivindica o uso da lingua e a figura de Luísa Villalta con motivo do Día das Letras Galegas

- Anuncio -

Na véspera do Día das Letras Galegas, o Concello de Santiago sumouse á súa celebración coa lectura por parte dos membros da Corporación dunha declaración institucional que reafirma o compromiso de todos os grupos políticos a prol do uso do galego na administración municipal e da súa promoción na sociedade. Durante o acto tamén se recoñeceu a figura de Luísa Villalta coa lectura dunha escolma dos seus poemas. Ademais, o Concelllo continúa coa súa campaña “Andei por Santiago/pisando estrelas” coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao mesmo tempo que se pon en valor a obra da poeta homenaxeada.

Con motivo do Día das Letras Galegas, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes de todos os grupos municipais participaron esta mañá nun acto no Pazo de Raxoi no que se procedeu á lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 24 de abril. Goretti Sanmartín abriu o acto e a continuación os/as concelleiros/as Gonzalo Muíños (PsdG), Nerea Barcia (PP), María Rozas (CA) e Míriam Louzao (BNG) deron lectura ao texto.

O evento continuou coa lectura dunha serie de poemas de Luísa Villalta a cargo de alumnas do IES Rosalía de Castro e das autoras especialistas na súa obra, Marga Romero e Esperanza Mariño. Ao acto asistiron, ademais do conxunto da Corporación municipal, autoridades e representantes do tecido asociativo, cultural e comercial de Santiago e un nutrido grupo de alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro.

Na súa intervención, a alcaldesa reinvindicou a figura “tan forte, tan intensa e tan fascinante” que é Luísa Villalta, á que definiu como “unha muller que é referente e que ten unha poesía que representa perfectamente aquilo que non damos dito con palabras na linguaxe corrente”. Goretti Sanmartín convidou a todo o mundo a achegarse á obra desta autora e destacou a súa capacidade para “facernos partícipes a través das palabras da importancia de nomear e visibilizar”.”Esperamos que despois deste ano sexa moito máis recoñecida e moito máis lida”, engadiu a rexedora.

Declaración institucional

Con esta declaración pública, aprobada de xeito unánime por todos os membros da Corporación municipal no Pleno do 24 de abril, reivindícase con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o compromiso do Concello co uso do galego na administración municipal e coa súa promoción na sociedade. “Desde o Concello de Santiago, como capital de Galicia, temos unha responsabilidade excepcional co galego, a nosa lingua propia dentro dese patrimonio mundial da diversidade, a da comunidade que representamos”, recolle o documento.

A declaración fai fincapé na necesidade de “manter e anovar os compromisos adquiridos” ao longo das últimas décadas ao respecto do uso da lingua galega na Administración municipal e “darlle maior pulo ao proceso da súa normalización social”. Desde a declaración asinada en maio de 1984 en Compostela por varias alcaldías galegas, o Concello iniciou un proceso a prol do uso do galego con fitos salientables que “deron como resultado un progresivo, aínda que lento, aumento do noso idioma na comunicación do propio Concello e tamén dos diversos sectores e entidades sociais”. A pesar destes avances, a declaración avoga por “imprimirlle un novo impulso” a este labor para “que non decaia o nivel de protección, uso e promoción que se veu mantendo”.

Os catro grupos municipais comprométense así a ampliar o espazo do galego na actividade comunicativa do Concello, a garantir os dereitos lingüísticos das persoas que se relacionen coa Administración municipal, e tamén a difundir o valor da nosa lingua e o respecto a esta “como sinal de identidade de excepcional valor nun mundo globalizado”. Para isto, o Concello continuará a dedicar “recursos e esforzos a iniciativas que sitúen o galego á mesma altura que calquera outra lingua nos ámbitos culturais, sociais, económicos, formativos, tecnolóxicos…” e a implicar a “outras institucións e entidades que compartan estes obxectivos” así como á sociedade compostelá.

Campaña”Andei por Santiago/pisando estrelas”

Con motivo do Día das Letras Galegas, o Concello de Santiago tamén lanzou esta semana a campaña “Andei por Santiago/pisando estrelas” coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao mesmo tempo que se pon en valor a figura da poeta Luísa Villalta.

As persoas interesadas en participar deben publicar nas redes sociais unha imaxe dun lugar de Compostela que sexa significativo utilizando os cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas, acompañados dunha explicación do lugar escollido. Entre todas as persoas que participen sortearanse 10 lotes de material cultural.

Outras actividades

O Concello tamén ofrecerá ao longo do deste mes de maio varios paseos guiados sobre Compostela e as orixes da lingua con 12 paradas “que permitirán descubrir como naceu o galego e aspectos relevantes en canto ao léxico, á pronuncia, ao status social e a diversidade do desenvolvemento do idioma”. As persoas interesadas poderán anotarse está na web do Departamento de Lingua: delingua.santiagodecompostela.gal.

O Teatro Principal tamén acollerá o 16 e 17 de maio ás 20.30 horas, o espectáculo “Made in Galiza”, a cargo de Sarabela Teatro sobre o texto de Séchu Sende. A obra está dirixida por Fina Calleja e o elenco está conformado por Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto.

O Teatro Principal tamén acolle o evento “Ritos de resistencia”, un recital multidisciplinar con poesía, música e imaxe que ten como eixo central os poemas de Luísa Villalta, no que Participarán a poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares (frauta e saxo soprano) interactúan de forma instantánea coa palabra a través dos instrumentos se proxectan imaxes realizadas do artista Alfonso Costa. Esta función será o sábado 18 de maio ás 20:30 horas e pódense retirar os convites na Zona C, en compostelacultura.gal e na billeteira do Teatro Principal.

Os Centros Socioculturais de Santiago tamén se suman á celebración do Día das Letras Galegas co obradoiro de creación literaria “Escribirmos na compaña de Luísa Villalta”, que será impartido por Marga do Val e con sesións a cargo de Cristal Méndez Queizán e de Miro Villar. Trátase dunha iniciativa da Escola de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) que conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Santiago. Estes obradoiros impartiranse os sábados 20 de abril; 4, 11 e 25 de maio; e 1, 8, 15 e 22 de xuño de 2024, de 10:30 a 13:00 h.

Relacionadas

O Concello réndelle homenaxe a Hematocrítico cunha exposición no seu cabodano 

0
A vicevoceira anunciou esta mañá a mostra, organizada polo Concello en colaboración con HematoFesti, do 5 de novembro ao 6 de xaneiro no Palexco  Nereida...

O Laboratorio de Apoderamento LGBT+ ofrecerá en novembro e decembro obradoiros para familias e...

0
A cooperativa Rexenerando ten abertas as inscricións para as sesións, que arrancan en San Sadurniño o próximo luns O Laboratorio de Apoderamento LGBT+ é un...

A Pobra amosa a súa solidariedade coas persoas afectadas polo episodio de Dana

0
O Concello da Pobra do Caramiñal sumouse á convocatoria da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) de gardar un minuto de silencio, ás...

Avanzan as obras para mellorar a accesibilidade nas paradas de autobús do Castrillón, onde...

0
O Concello ten previsto replicar esta iniciativa en paradas situadas nos barrios dos Mallos, Catro Camiños, Os Rosales, Labañou e Monte Alto O Concello traballa...

O Concello finaliza os traballos de pavimentación da pista que vai de Pontegrande a...

0
O Concello de Neda finaliza as obras de posta a punto da pista entre Pontegrande e Pename. A actuación, na que se investiron 46.257...

A Xunta investirá 6,1 M€ na Costa da Morte en materia de augas e...

0
— Ángeles Vázquez detalla que o vindeiro ano Augas de Galicia destinará 68,1 millóns de euros a iniciativas en materia de saneamento — Avanza que...

Publicacións Relacionadas