Máis dun milleiro de persoas aspirantes a Policía Local realizan mañá os primeiros exercicios do proceso selectivo no Recinto Feiral de Silleda

adminON
Lectura mínima de 3
  • Trátase dun test de coñecemento de 100 preguntas, así como a proba de coñecementos do idioma galego, salvo para as persoas exentas
  • Superadas todas as probas da oposición pola que optan a 101 prazas en 36 concellos, deberán facer un curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública como parte da 18ª promoción de Policía Local, que comezará en xaneiro

As máis de 1.000 persoas aspirantes no proceso selectivo para Policía Local realizarán mañá ás 10,00 horas os primeiros exercicios no recinto feiral de Silleda, ás 10,00 horas. Trátase do test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado e da proba de coñecementos do idioma galego, salvo para as persoas que estean exentas por contar con  certificado de Celga 4 ou equivalente e as que deberán realizalo.

As persoas que superen estes primeiros exercicios continuarán no proceso coas probas de aptitude física (velocidade potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación), psicotécnicas (intelixencia, personalidade entrevista persoal)  e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na Agasp, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da 18ª promoción de Policía Local. Os novos alumnos e alumnas iniciarán a formación en xaneiro e darán relevo á 17ª promoción, que se gradúa este mes.   

Máis de 100 prazas en 36 concellos

A convocatoria oferta máis de 100 prazas para os corpos de Policía Local de 36 concellos galegos: A Coruña, Ames, Arteixo, Betanzos, Camariñas, Coristanco, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Noia, Santiago de Compostela e Teo, na provincia da Coruña; A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Meaño, Nigrán, O Grove, O Rosal, Poio, Ponteareas, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; os concellos lucenses de Burela, Foz, Lugo e Viveiro e os ourensáns de Barbadás e Ourense.


Proceso de selección unitario

Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, máis do 80% -incluíndo as sete cidades galegas – encomendan á Academia a selección dos seus axentes.

Comparte este artigo