O BNG demanda explicacións urxentes pola situación do pavillón de Tarrío e a falta de pago das subvencións ás asociacións

Redacción
Lectura mínima de 2

– É preciso coñecer os verdadeiros motivos polos que as asociacións non cobran as subvencións pendentes de pagar

 – O pavillón de Tarrío segue esperando pola súa reforma, após un intento fallido en 2021, mentras a súa degradación avanza a pasos de xigante.
 
 – As demoras interminábeis do Goberno Municipal poñen en risco tanto aos clubes como ás persoas usuarias das instalacións.

O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo presentou por rexistro a solicitude de convocatoria urxente da Comisión Informativa de Presidencia e da Comisión de Cohesión Social para coñecer as causas da parálise no pago das subvencións ás asociacións e da reforma do pavillón de Tarrío.

A solicitude inclúe a petición do acceso aos expedientes completos, tanto no relativo a subvencións municipais de pago, como ao proxecto técnico de rehabilitacion do Pavillón de Tarrío.

Neste caso a petición faise extensiva ao procedemento iniciado en 2021, que foi declarado resolto sen que a reforma prevista se levara a cabo.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “os responsábeis municipais esquecen, ou non lles importa o máis mínimo, que detrás desas entidades hai familias, hai nenos e nenas, ás que as asociacións prestan uns servizos nunha situación de total precariedade. No caso das asociacións deportivas non só pon en risco o desenvolvemento da propia actividade, senón a propia integridade física dos participantes. As asociacións de Culleredo e o deporte base precisan dunha atención e dun cariño que o actual Goberno Municipal non é quen de darlles“.

Comparte este artigo