Abegondo descobre a Uxía Veira Parcero, que se estrea no mundo da literatura con Sen lado B para nós

adminON
Lectura mínima de 2

O alcalde, José Antonio Santiso, felicitou á autora, á que augurou “un futuro prometedor”.

O Concello descubriu, esta mañá, á escritora Uxía Veira Parcero, unha veciña de Crendes que acaba de estrearse no mundo literario con Sen lado B para nós. O alcalde, José Antonio Santiso, acompañou á moza na presentación da súa ópera prima, un acto no que a autora estivo acompañada pola súa familia e varios amigos. Durante a súa intervención, o rexedor felicitou á moza, á que definiu como unha persoa “orixinal e creativa á que lle auguro un futuro prometedor neste campo”.

A obra preséntase como unha combinación entre dúas das paixóns de Veira Parcero: a escritura e a música. Así, Sen lado B para nós reúne un amplo número de textos de prosa poética nos que Uxía fala de todos os tipos de amor: o romántico, o que xorde entre dous amigos e o propio, que a autora definiu como “o máis importante e tamén como o que nos ten que acompañar ao longo de toda a nosa vida”. Facendo unha comparación entre as caras A e B dos vinilos, Veira Parcero revela ao lector “as dúas caras do amor”. Isto é, os mellores e tamén os peores aspectos das relacións.

Durante a súa intervención, a moza explicou que o traballo xurdiu de experiencias vividas en primeira persoa: “empecei a escribir estes textos para liberar sentimentos que necesitaba soltar dalgunha forma”. Finalmente, tras ensinarllos ás súas amigas, estas animárona a facelos públicos considerando que “podían axudar a outras persoas nesa mesma situación”, tal e como recoñece a escritora. Á parte da prosa poética, a publicación conta cunha listaxe de cancións asociadas a cada escrito e que a artista recomenda escoitar durante a lectura.

Comparte este artigo