- O procedemento de participación pública para recoller achegas e suxestións sobre o proxecto estará aberto ata o vindeiro 21 de novembro
- A iniciativa conta xa co apoio, entre outros, de administracións locais, universidades e entidades relacionadas co sector pesqueiro e marisqueiro, cos que se mantiveron diversas reunións durante o proceso de preparación da candidatura
- Este recoñecemento da Unesco busca promover o equilibrio entre a preservación dos recursos naturais e o avance económico e social da contorna, polo que actividades presentes nestas zonas, como a pesqueira e a marisqueira, non se verían afectadas
- Cómpre lembrar que os territorios incluídos nas sete reservas da biosfera que xa existen en Galicia son exemplo de que esta declaración non implica ningunha limitación para o normal aproveitamento dos seus recursos
A Xunta de Galicia anima ás entidades e persoas interesadas a participar, no marco do trámite de participación pública que estará aberto ata o 21 de novembro, na proposta para impulsar a que sería a oitava reserva da biosfera da Comunidade e que se localizaría entre os cabos Fisterra e Silleiro.
O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático é enriquecer o documento que será remitido ao Goberno central para a súa posterior tramitación ante a Unesco coas achegas e suxestión das administracións, entidades e cidadáns interesados nesta iniciativa.
O documento, que está á disposición pública na páxina de transparencia da Xunta de Galicia, é o resultado do traballo técnico no que participaron as tres universidades galegas, o CSIC e outros centros tecnolóxicos e de investigación.
Así mesmo, a candidatura recompilou ata o de agora máis de 40 cartas de apoio, entre as que destacan as recibidas por parte de 23 concellos da área de influencia do ámbito proposto; das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra; das tres universidades; do padroado do Parque Nacional marítimo- terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, e das sete reservas da biosfera xa declaradas.
Tamén conta co apoio de entidades e asociacións relacionadas co sector pesqueiro e marisqueiro, cos que se mantiveron diversas reunións durante o proceso de preparación da candidatura, dado que o ámbito de influencia da nova reserva concentra unha importante actividade destes sectores, que non se verían afectados por esta figura.
De feito, os territorios incluídos nas sete reservas da biosfera que xa existen en Galicia son exemplo de que esta declaración non impide o normal aproveitamento dos seus recursos.
Nese senso, cómpre lembrar que o programa Home e Biosfera (MaB, nas súas siglas en inglés) da Unesco, responsable de analizar e decidir as candidaturas presentadas a esta declaración, sinala que as reservas de biosfera son áreas designadas para harmonizar a conservación da biodiversidade co desenvolvemento sostible e o benestar da veciñanza.
De feito, o recoñecemento como Reserva da biosfera ten como obxectivo promover o equilibrio entre a preservación dos recursos naturais e o avance económico e social desas contornas, xunto cunha función de coñecemento científico e apoio loxístico para alentar actividades de investigación, educación e formación para a conservación e o desenvolvemento sostible.

