● Os populares rexistraron na Cámara Baixa dita solicitude de información, dado que unha vez máis o Goberno de España amosa que non cumpre os seus compromisos con Galicia
● “Non temos nada en contra das conexións de AVE con outros territorios, pero non e nunca en detrimento de Galicia. O Goberno central non fai máis que actuar contra Galicia no ámbito ferroviario”, subliñan os populares
Os deputados nacionais do PPdeG veñen de asinar e presentar por rexistro no Congreso unha batería de preguntas dirixidas ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, instándolle a que dea as explicacións pertinentes sobre o adiamento do AVE Vigo–Lisboa, da saída sur de Vigo, do tramo Vigo-Porriño e da nova ponte internacional do río Miño, en vista que, unha vez máis, o Goberno de España amosa que non cumpre os seus compromisos con Galicia.
“Non temos nada en contra das conexións do AVE con outros territorios, pero non e nunca, en detrimento de Galicia. O Goberno central non fai máis que actuar contra Galicia no ámbito ferroviario”, indicaron os populares.
Galicia leva moito tempo reclamando un calendario con planificación e orzamentos e traballando en coordinación co Goberno portugués na saída sur de Vigo, no impulso do treito ata a fronteira portuguesa desde O Porriño, e na necesidade da construción e financiación da nova ponte internacional.