Mos estrea o ciclo de observación dos ceos nocturnos de Galicia Suroeste, previo á certificación como Destino Turístico Starlight

adminON
Lectura mínima de 3

Mos será o primeiro escenario das actividades do programa “Os Ceos de Galicia Suroeste”, unha iniciativa que arrinca o vindeiro venres 5 de setembro no municipio mosense, concretamente no alto de Herville (Cela), e que permitirá á veciñanza achegarse á observación nocturna da man de guías turísticas certificadas pola Fundación Starlight.

Trátase dun ciclo de 14 saídas en todos os concellos que forman parte de Galicia Suroeste, que iniciou o pasado mes de marzo os trámites para a certificación como destino Starlight, seguindo a folla de ruta establecida no Plan Estratéxico da entidade e no Plan de Sustentabilidade Turístico en Destino do que é órgano xestor.

A piques de rematar o proceso de auditoría, a entidade recibirá a certificación da Fundación Starlight neste mesmo 2025 despois un proceso laborioso e exhaustivo que contou coa participación dos 14 concellos que forman parte de Galicia Suroeste, asinando todos eles a “Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas” (Declaración de La Palma 2007).

Os destinos turísticos certificados son escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico, e fomentan a súa vez o “Turismo das Estrelas” (astroturismo).

Deste xeito, a actividade en Mos dará o pistoletazo de saída a esta programación divulgativa que permitirá ás persoas participantes descubrir unha nova forma de mirar ao firmamento e iniciarse no mundo do astroturismo, unha modalidade en auxe que combina ciencia, patrimonio, natureza e turismo sostible.

O ciclo continuará por todos os concellos de Galicia Suroeste: Pazos de Borbén (6 de setembro), Baiona (7 de setembro), Redondela (12 de setembro), Fornelos de Montes (13 de setembro), Tui (14 de setembro), Gondomar (20 de setembro), Soutomaior (26 de setembro), Nigrán (27 de setembro), Tomiño (3 de outubro), O Porriño (4 de outubro), O Rosal (10 de outubro), Oia (11 de outubro) e A Guarda (12 de outubro).

A inscrición para participar, de balde, está aberta a partir de hoxe na ligazón https://galiciasuroeste.gal/proxectos/ceos-de-galicia-suroeste.

Información práctica para as persoas participantes

O punto de encontro será comunicado individualmente por correo tras formalizar a inscrición.

Recoméndase levar roupa cómoda e de abrigo, incluíndo gorro e luvas nas noites máis frías.

Esteira ou manta para sentarse ou deitarse no chan.

Lanterna, que pode ser a do móbil.

Calzado apropiado e cómodo para pequenos desprazamentos.

Esta programación enmárcase dentro das accións anuais de promoción do destino que desenvolve a entidade Galicia Suroeste, e conta coa financiación de Turismo de Galicia e da Deputación de Pontevedra – Turismo Rías Baixas.

Comparte este artigo