O presidente provincial destacou a fortaleza, creatividade, intelixencia e sensibilidade da “xuventude dunha provincia extraordinaria chea de mozas e mozos extraordinarios”
Os asistentes á gala tiveron a oportunidade de ser os primeiros en participar na enquisa provincial para coñecer as preocupacións e os temas que máis interesan á mocidade e que servirá para redactar o primeiro Plan Estratéxico da Xuventude da Deputación
Pazo provincial, 28 de novembro do 2024. A Deputación de Pontevedra entregou este xoves os galardóns aos gañadores da oitava edición dos Premios Provinciais á Xuventude nunha gala celebrada no Salón de Plenos do Pazo Provincial que contou coa participación do presidente Luis López, quen destacou a fortaleza, a creatividade, a intelixencia e sensibilidade da mocidade “dunha provincia extraordinaria chea de mozas e mozos extraordinarios”. O acto, no que tamén participou o deputado de Xuventude, Jorge Cubela, estivo conducido por Montserrat Martínez e contou coas actuacións musicais da banda Montedapena, distinguido neste certame no ano 2021, e cun recoñecemento aos membros da Asociación Alba, de familiares e amigos de enfermos psiquiátricos de Pontevedra, pola súa colaboración no deseño dos galardóns. “Quero dar os parabéns pola gran acollida que un ano máis tivo esta convocatoria que, malia atraer ao máis moderno do noso territorio, xa é un clásico entre os certames provinciais. Toda unha exhibición de traballo, intelixencia e humanidade dunha mocidade que é futuro pero tamén presente. Unha xuventude que é fonte de inspiración e marca o camiño”, salientou o mandatario provincial despois de entregar os premios.
Estes oitavos Premios Provinciais á Xuventude son unha edición de récord, pois repartiu un total de 40 distincións en 11 categorías, contou cun total de cen proxectos presentados —25 máis que no ano anterior— e rexistrou tamén a maior cifra de preinscripcións, cun total de 186, desde a creación do certame. Os vencedores en cada unha das categorías foron: os integrantes do colectivo estudantil Clean Energy Ship Uvigo e Uvigo SpaceLab na categoría de proxectos de agrupacións estudantís; Iago Seijo, en Iniciativa empresarial; IES Anton Alonso Ríos e IES de Cotobade, en Educación en valores; Alberto Ruibal, en proxecto de investigación de Ciencias; Antía Iglesias, en proxecto de investigación en Humanidades e Ciencias Sociais; Nahuel Couchot, en traballo de Música Clásica; André Touza, en Outros Xéneros Musicais; Alexandre Fernández; en traballo literario breve de Narrativa e Poesía; Denís Carballás, en Banda Deseñada; Marcos Pazos, en serie fotográfica; Ana Gómez, en Fotografía; Lara Cores, en Deseño e Moda; e o IES de Poio en Reacción polo Clima.
Os asistentes á entrega de premios tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man unha nova iniciativa impulsada pola Deputación pensada para a mocidade. Trátase dunha enquisa para coñecer de primeira man cales son as preocupacións e asuntos que máis interesan aos mozos e mozas da provincia, unha información que servirá para afinar as políticas en materia de xuventude do organismo provincial e que terá premio, pois entre os que cubran o formulario —que estará dispoñible na web da Deputación, en redes sociais e en códigos QR repartidos por concellos de toda a provincia— sortearase un abono para algún dos festivais da marca Rías Baixas Fest e unha tablet.
Despois de entregar os premios, tarefa na que participaron deputados do goberno provincial e representantes de institucións que traballan a prol da xuventude da provincia; o presidente Luis López recoñeceu que moitas das políticas que lanza a Deputación “están baseadas en mozas e mozos como vós“. Neste sentido repasou medidas concretas como a creación dun departamento específico para a Xuventude dotado con 1,2 millóns de euros que se destinaron, entre outras accións, a impulsar programas novidosos como o +Xuventude, unha panca de apoio de 80.000€ para facer realidade ata 17 proxectos de interese social, becas para facer prácticas en países da Unión Europea, un proxecto para mellorar os locais da mocidade chamado “O teu espazo Xuvenil”, a primeira edición de Pontevedra Literaria ou a redacción do primeiro Plan Estratéxico para a Xuventude, para o que se terá en conta os resultados da devandita enquisa.
“Nesta era dixital, estamos afeitos a iso que os expertos chaman ‘gratificación instantánea’. Se non me gusta unha canción, non agardo á seguinte; se non me divirte un vídeo, fago scroll; ou se non me entretén unha aplicación, abro outra. E a pregunta que me xurde é: levando iso ao noso terreo, alguén que gobernara pensando só na “gratificación instantánea” faría esforzos pola mocidade? Seguramente non. Pero para iso estamos aquí. Para levarlle a contraria ao algoritmo. Para mirar por aqueles que, sendo presente, aínda seredes máis no futuro”, concluíu o presidente da Deputación, Luis López.
Listado de premiados
Proxectos de agrupacións estudantís
- 1º premio ex aequo: Adrián Rodríguez, Greypher García e Gabriel Cerqueira, integrantes da asociación Clean Energy Ship Uvigo.
- 1º premio ex aequo: Guillermo Calvo Hermo e Francisa Boiero Barsce, integrantes da Asociación Estudantil Uvigo Spacelab.
Iniciativa empresarial
- 3º premio: Iván Losada Varela por “Vinak Products, S.L.”
- 2º premio: Andrea Diz Neira e Nuria Martínez Lomba por “Outrora Sociedade Cooperativa Galega”
- 1º premio: Iago Seijo Fraga por “Logicmelt Technologies SL”
Educación en valores
- 3º premio: Profesorado e alumnado do IES de Poio. “Somos o que comemos”
- 2º premio: Profesorado do IES Ramón Cabanillas. “Tecendo os fíos dos ODS”
- 1º premio ex aequo: Profesorado participante e o equipo directivo do IES Antón Alonso Ríos. “Febreiro: mes das emocións”
- 1º premio ex aequo: Profesorado e alumnado do IES de Cotobade. “As relacións íntimas a través da tecnoloxía”
Investigación:
Ciencia, arquitectura e enxeñaría:
- 2º premio: Estefanía Pereira Pinto. “Avaliación ecotoxicolóxica de microplásticos e contaminantes asociados nunha cadea trófica mariña”
- 1º premio: Alberto Ruibal Ojea. “Aplicación móvil Android de ayuda en la Enfermedad de Crohn”
Artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas:
- 3º premio: María Álvarez Ozón. ”Efectos do ambiente percibido sobre a capacidade de restauración e o benestar psicolóxico. Un estudo con realidade virtual”.
- 2º premio: Sara Donoso Calvo. “Cine, paisaje, pintura. Una mirada al audiovisual gallego contemporáneo”
- 1º premio: Antía Iglesias Fernández. ”Ecosistemas gráficos. Una investigación científico-artística sobre el devenir del residuo vegetal de especies exóticas [invasoras]”.
Contido audiovisual
- 3º premio: Alma Alonso Costas. “A Rebelión da lectura”
- 2º premio: Iván Pérez Berjano. “Savia Nova”
Traballo musical:
Música clásica:
- 1º premio: Nahuel Couchot Moledo. “Noite de estrelas”
Outros xéneros
- 3º premio: Héctor Rodríguez Rodríguez. ”Block”
- 2º premio: Mateo Carmena Román. “Labirinto”
- 1º premio: André Touza Otero. ”Vida nova”
Traballo literario breve
Narrativa:
- 3º premio ex aequo: Pedro Rodríguez Villar. “As sílabas dunha despedida”
- 3º premio ex aequo: Lucía Rodríguez Malvido. “Colisión”
- 2º premio: Fabio Rivas Pardo. “Os ratos e a eternidade”
- 1º premio: Alexandre Fernández Peón. “Na distancia, tan só”
Poesía:
- 3º premio: Eva González Blanco. “Exipto”
- 2º premio: Blanca Trigo Cabaleiro. “Após a descuberta”
- 1º premio: Alexandre Fernández Peón. “Cartografía da luz”
Banda deseñada:
- 3º premio: Enrique Rabadán Torres. “A miña veciña”
- 2º premio: Eva Pena Fandiño. “Liberación”
- 1º premio: Denis Carballás Riveiro. “Vivir para volver”
Fotografía orixinal:
Serie fotográfica:
- 3º premio: Claudia Gómez López. “Urbanometría”
- 2º premio: Rebeca López Villar. “Pasear”
- 1º premio: Marcos Pazos Pazo. “Inquedanzas”
Fotografía:
- 3º premio: Alma Alonso Costas. “Clic”
- 2º premio: Laura Paz Iglesias. “Ritmo no ar”
- 1º premio: Ana Gómez Ferreira. “Fronteiras invisibles”
Deseño e moda:
- 2º premio: Laura Salgado García. “Apátrida”
- 1º premio: Lara Cores Piñeiro. “Intrigas Palaciegas”
Reacción polo clima:
- 2º premio: Xurxo Pereira e Sofía Calo, profesores do IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña e alumnado participante no proxecto “Malas herbas”
- 1º premio: Profesorado e alumnado do IES de Poio. “Somos o cambio