Conta atrás para o inicio das obras de construción da área de ocio xuvenil e da fonte lúdica de Novo Mesoiro, nas que o Concello inviste 330.000 euros

adminON
Lectura mínima de 3

Os traballos arrincarán nos vindeiros días e permitirán sumar novos equipamentos de uso público no barrio, onde tamén se habilitarán proximamente dúas novas bases de BiciCoruña

O Concello iniciará nos vindeiros días os traballos de construción de dous equipamentos moi agardados pola veciñanza de Novo Mesoiro: a nova área de ocio xuvenil e a fonte lúdica ao aire libre que se habilitará no barrio. Tras a adxudicación das obras, a previsión do Goberno de Inés Rey é que os preparativos previos arrinquen neste treito final de mes.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que o investimento conxunto entre estas dúas actuacións será de algo máis de 330.000 euros —223.000 na área de ocio xuvenil e uns 130.000 na fonte lúdica—, “sendo dúas intervencións moi destacadas que nos permitirán dar resposta ás necesidades do barrio atendendo especialmente á súa pirámide poboacional, con moitas familias novas e crianzas”.

As obras para construír a nova área de ocio xuvenil levaranse a cabo nunha área axardinada en desuso situada tras os bloques de vivendas da rúa Ribeira Sacra e o rego de Moitos. Alí habilitarase unha superficie de máis de 1.500 metros cadrados que incluirá espazos individuais para a práctica deportiva de calistenia, break e bailes urbanos, baloncesto, ping-pong, xadrez e tamén un pequeno rocódromo.

Case en paralelo, o Concello acometerá a creación da fonte lúdica na contorna da área infantil do parque da Tirolina. Noemí Díaz subliñou que é o primeiro equipamento deste tipo que se constrúe na cidade, tamén concibido para o uso das xeracións máis novas.

O barrio contará pronto con dúas bases máis de BiciCoruña

O plan de investimentos impulsado polo Concello en Novo Mesoiro inclúe tamén actuacións en materia de mobilidade.

Proximamente habilitaranse dúas novas bases de BiciCoruña con subministro eléctrico, que están situadas á altura do número 34 da avenida de Novo Mesoiro e do número 34 da rúa Fragas do Eume. Estas estacións, que moi pronto estarán operativas e dispoñibles para o uso da veciñanza, sumaranse á base que xa se dispuxo na rúa Illas Sisargas hai dous anos, preto da rotonda que conecta coa avenida Novo Mesoiro e as rúas Illas Cíes e Laxe.

Comparte este artigo