O Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil fan un chamamento á cidadanía para realizar un consumo responsable e eficiente da auga.
O organismo autónomo remitiu recentemente ao Concello unha comunicación oficial na que pon de manifesto a escaseza de chuvias rexistrada e lémbralle que “é preciso reforzar e intensificar as medidas de concienciación, vixilancia e aforro que xa estades desenvolvendo desde o verán co obxectivo de previr os efectos adversos da escaseza de auga a curto e medio prazo”.
Segundo os datos da Confederación Hidrográfica, no presente ano hidrolóxico as precipitacións son un 80% inferiores ao valor medio histórico, mentres que os caudais circulantes sitúanse un 64% por debaixo dos niveis habituais.
Ante a posibilidade de que esta situación se manteña nos vindeiros meses, o organismo considera fundamental “incrementar as medidas de eficiencia nas infraestruturas de titularidade municipal e intensificar as campañas de aforro e concienciación social sobre o bo uso do recurso”.
Pola súa banda, o Concello xa trasladou o informe técnico e as recomendacións do organismo hidrográfico á empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento e saneamento, Viaqua, para a aplicación das medidas operativas precisas.

