Francisco Diéguez: ‘’Non abonda con recoñecer o dereito á inclusión educativa. Hai que garantir que ese dereito se cumpra en cada aula, en cada centro e para cada alumno e alumna’’.
Continuando coa iniciativa ‘’Ensinar importa’’ propoñemos medidas concretas para garantir os recursos especializados que necesita o alumnado nos centros educativos públicos.
Avante Ourense, no marco da súa iniciativa educativa ‘’Ensinar importa’’, vén de trasladar á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional un requirimento para reclamar un reforzo efectivo da atención á diversidade no sistema educativo galego.
A organización considera que a inclusión educativa non pode quedar reducida a unha declaración de intencións nin depender da capacidade de cada centro para reorganizar os recursos dispoñibles. «Garantir unha educación inclusiva significa asegurar que cada alumno e alumna reciba os apoios que precisa, e iso require recursos humanos, materiais e unha planificación adecuada», sinala Avante.
Entre as principais demandas formuladas á Xunta figuran a revisión dos criterios de dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, o reforzo dos departamentos de orientación, a ampliación dos recursos de persoal auxiliar coidador e a cobertura áxil das baixas do persoal especializado.
Tamén reclamamos establecer prazos máximos para a valoración das necesidades educativas e a concesión de recursos extraordinarios, garantir as horas de atención especializada que precisa o alumnado e publicar indicadores anuais que permitan coñecer os recursos existentes e as necesidades que continúan sen cubrir.
A iniciativa inclúe, ademais, a proposta de crear un fondo específico para a atención á diversidade e elaborar un Plan Galego de Reforzo da Atención á Diversidade, cun diagnóstico actualizado, memoria económica, calendario de aplicación e obxectivos verificables.
Solicitude dunha reunión coa Consellería
Xunto co rexistro do requirimento, Avante Ourense solicitou formalmente unha reunión coa Consellería de Educación para presentar e desenvolver as medidas propostas, coñecer a valoración do departamento autonómico e abordar posibles compromisos e actuacións concretas.
A organización considera necesario que a Administración educativa dea unha resposta expresa ás demandas formuladas e explique que medidas prevé adoptar para garantir unha atención adecuada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
‘’Non abonda con recoñecer o dereito á inclusión educativa. Hai que garantir que ese dereito se cumpra en cada aula, en cada centro e para cada alumno e alumna’’.
Con esta nova proposta, Avante Ourense continúa desenvolvendo ‘’Ensinar importa’’, unha iniciativa propia destinada a formular propostas educativas concretas e trasladalas ás administracións competentes, coa vontade de contribuír á mellora do sistema educativo público.

