Este mércores comeza a terceira edición de Cinema por Mulleres, con programación ata o 30 de marzo en Cantones Cines
A alcaldesa, Inés Rey, presentou este mércores no Centro Sociocultural Ágora a terceira edición de Cinema por Mulleres A Coruña, un ciclo promovido polo Concello que ofrecerá ata o 30 de marzo un total de 20 largometraxes, dez nacionais e dez internacionais, dirixidos por mulleres. En total, haberá 13 estreas na cidade de películas feitas nos dous últimos anos, moitas delas de grande éxito.
“O cine é unha das ferramentas divulgadoras máis importantes dos nosos tempos e a loita das mulleres pola igualdade non pode ser allea ao gran altofalante que é a sétima arte”, sinalou a alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participaron no acto Carlota Álvarez e Diego Mas Trelles, directores do ciclo, que arrinca este mércores no Centro Sociocultural Ágora cun encontro con profesionais do sector co director xeral do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiosuais (ICAA), do Ministerio de Cultura, Ignasi Camós. Ademais, pola tarde, celébrase a mesa redonda ‘Galicia: nos tamén producimos longametraxes’, coa participación de Chelo Loureiro, directora e produtora, Emma Lustres, produtora, Ignasi Camós, Verónica Buide, produtora executiva, e Alexia Muíños, directora executiva de European Women’s Audiovisual Network.
“O cine é un deses campos que, como tantos outros, segue a ter unha maior presenza masculina nos postos máis importantes das producións. Este ano, na Coruña centramos a nosa campaña polo 8 de Marzo, na visibilización das mulleres como referentes en todos os ámbitos da nosa sociedade, e por iso, quixemos contar na nosa programación do 8M con este festival”, apuntou a rexedora, que animou á cidadanía a encher as salas de cine nas vindeiras semanas e poder gozar das creacións máis destacadas dos últimos anos dirixidas por mulleres.
Selección deste ano
As 20 longametraxes que se proxectarán na Coruña, nos Cantones Cines, conformaron a Competición Española, a Competición Internacional e a película de clausura da VII edición do Festival de Cinema por Mujeres Madrid, que tivo lugar en Madrid do 29 de outubro ao 10 de novembro do 2024. De entre eles, 13 non foron estreados aínda na Coruña, a pesar de ser multipremiados e de ter unha gran acollida por parte da crítica e o público. En poucas palabras, esta variada selección de 19 ficcións (drama, histórica, policial) e un documental, é unha oportunidade única de poñerse ao día sobre a recente produción cinematográfica española e internacional.
As 10 longametraxes internacionais proveñen de Alemaña, Austria, Bélxica, Canadá, Francia, Italia, Romanía, Suecia, México e Reino Unido. Moitos deles foron multipremiados ao longo do pasado 2024, entre eles, proxectarase o gañador do Gran Premio do Xurado en Sundance, Sujo; o Premio do Público no Fantasia Film Festival de Quebec, Hunting Daze; o Premio do Público no Festival de Munich, premiada ademais no Festival de Tribeca, Samia; e como non, a película gañadora da VII edición do Festival Cine por Mujeres Madrid, gañadora tamén do Gran Premio do Xurado e doutros 2 premios no Festival de Locarno, Mond (Moon), da directora austríaca, nacida en Iraq, Kurdwin Ayub.
Moitas das películas españolas programadas contan tamén con diversos premios: Soy Nevenka, gañadora do Premio Axenda 2030 Euskadi Basque Country no Festival de San Sebastián; Los destellos, Premio Mellor Interpretación en San Sebastián; Nina, Premio da Crítica en Málaga; Salve María, Goya á Mellor actriz revelación, Mención do Xurado e 3er Premio da Mocidade en Locarno e La Infiltrada, gañadora do Goya á Mellor película e Mellor actriz, Premio á Mellor Película Española da VII edición do Festival Cine por Mujeres Madrid. Así mesmo, varias delas foron seleccionadas nos festivais de Málaga, San Sebastián, D’A, As Palmas e a SEMINCI de Valladolid e nomeadas aos Premios Goya.
Este ano Cinema por Mulleres A Coruña será máis accesible grazas ao subtitulado de 12 das 20 proxeccións e á presenza de Intérprete de Lingua de Signos esta tarde, durante a mesa redonda no Centro Sociocultural Ágora, e tamén na sesión inaugural en Cantones Cines, con presentación e coloquio posterior con Sonia Méndez, a directora de As Neves. As entradas para todas as sesións teñen un prezo reducido de 4,5 euros (3 euros con bonificación).