Mos recibe aos 10 nenos e nenas saharauís que pasan o verán con familias acolledoras do municipio

adminON
Lectura mínima de 3

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recibiu hoxe no Concello aos 10 menores que están a pasar os meses de verán no municipio no marco do programa solidario Vacacións en Paz, promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

A recepción a Mohamed, Hadiya, Galia, Muna, Nura, Mulay, Fatma, Marwa, Nura e Salaka celebrouse no concello cun acto no que participaron a alcaldesa Nidia Arévalo e os concelleiros Sara Cebreiro e Camilo Grandal, xunto a membros da corporación municipal e as familias acolledoras.

“A vosa presenza aquí é un agasallo. Estes meses en Mos serán inesquecibles para vós… e tamén para nós. Ver os vosos sorrisos é saber que imos polo bo camiño”, sinalou a rexedora mosense, que destacou o compromiso do municipio cunha causa “que salva vidas e fai medrar a solidariedade entre pobos”.

O programa Vacacións en Paz ten como obxectivo ofrecer unha estadía segura e saudable a nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís, onde nos meses de verán se alcanzan temperaturas extremas superiores aos 50ºC e escasean recursos básicos como a atención sanitaria ou a alimentación axeitada.

Durante a súa estancia en Mos, os menores poden participar gratuitamente no campamento municipal infantil ‘Mañás de Verán’, acudir á piscina ao aire libre de San Eleuterio e integrarse na vida cultural e social do municipio.

Como ven sendo habitual nos últimos anos, no mes de agosto o Concello de Mos organizará unha festa na piscina de San Eleuterio para que compartan unha xornada lúdica entre eles e coas familias que os están a acoller nestes días.

O Concello de Mos colabora co programa a través dun convenio coa asociación, facilitando apoio económico, transporte desde o aeroporto de Peinador e espazos para a recepción e actividades.

Un dos piares do programa é a asistencia médica, grazas a un acordo co Sergas que garante a realización de revisións, vacinacións e atención sanitaria para todos os nenos e nenas acollidos.

Con esta iniciativa, Mos reafirma o seu compromiso con valores como a solidariedade, a xustiza e os dereitos da infancia, mantendo viva unha colaboración histórica co pobo saharauí que xa é parte da identidade do municipio.

Comparte este artigo