Galicia e outras comunidades esgotarán todas as vías para que o goberno Central convoque de forma urXente a conferencia sectorial de medio ambiente

adminON
Lectura mínima de 4
  • Trasladan a súa sorpresa e indignación ante a resposta inaudita e sen precedentes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico á solicitude asinada esta semana por 15 conselleiros para exixir a celebración da reunión
  • A Xunta pon en valor que a Audiencia Nacional sobresese o recurso contencioso-administrativo interposto contra a inclusión do lobo na Lesrpe xa que interpreta que a Lei de desperdicio alimentario deixa sen efecto a normativa anterior

Galicia, xunto con outras comunidades, esgotará todas as vías ao seu alcance se o Goberno central non dá marcha atrás na súa negativa a convocar de forma urxente a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, baixo o pretexto de que a suspensión da reunión do pasado 18 de xullo a solicitaron asociacións que non están de acordo coa lei estatal que elimina o lobo ao norte do Douro da Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

Ante a carta remitida o pasado luns, 21 de xullo, por un total de 15 comunidades e cidades autónomas, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) contestou mediante outra misiva na que se reafirma en que “os motivos que deron lugar á suspensión de convocatoria da devandita Conferencia Sectorial o pasado xoves 17 de xullo, seguen concorrendo no momento actual”.

O Miteco aférrase ao feito de que “ditas queixas deron lugar á interposición pola devandita institución (o Defensor do Pobo) dun recurso de inconstitucionalidade contra as citadas disposicións”, e a que “as asociacións incluían unha solicitude de adopción de medidas cautelares ao Tribunal Constitucional”. O propio Ministerio recoñece que o Defensor do Pobo non solicitou a adopción de medidas cautelares en relación con varias disposicións da Lei 1/2025, do 1 de abril, de prevención das perdas e o desperdicio alimentario.

Polo tanto, estamos ante unha lei que o Goberno central está obrigado a aplicar e defender. En todo caso, cabe sinalar que o punto da norma estatal que regula que se deben aprobar os informes sexenais en Conferencia Sectorial non foi posto en cuestión ante o Defensor do Pobo polas asociacións que piden a suspensión da Comisión Sectorial.

Por iso, as comunidades mostran a súa sorpresa e indignación ante a postura unilateral, intransixente e sen precedentes do Miteco, que decidiu aprazar sine die a Conferencia Sectorial, de forma íntegra, polo simple feito de existir discrepancias ao redor dun dos múltiples puntos que debían abordarse.

Os Gobernos autonómicos lamentan profundamente a actitude do Executivo, que, por primeira vez, decidiu amordazar ás rexións e privalas da posibilidade de votar e aprobar cuestións tan importantes como o estado de conservación do lobo, cuxo informe sexenal debe ser remitido a Europa antes do próximo día 31 de xullo; ou a repartición de fondos para adoptar medidas coas que previr ou paliar os efectos das inundacións.

O sucedido, tanto pola falta de precedentes como pola envergadura dos asuntos para abordar, é dunha gravidade de tal magnitude que as comunidades autónomas concernidas esgotarán todas as vías posibles para que se respecte o Estado de Dereito, que o Goberno central parece disposto a pisar ante a posibilidade de que non se impoñan os seus criterios.

Por outra banda, o Goberno galego pon en valor que a Audiencia Nacional vén de sobreser o recurso contencioso-administrativo interposto pola Xunta contra a inclusión do lobo no Lesrpe xa que interpreta que a Lei de desperdicio alimentario deixa sen efecto a normativa anterior, polo que este procedemento xa non é necesario.

Comparte este artigo