O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou esta mañá nas Xornadas Xurídicas organizadas pola Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo)
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou esta mañá na IV edición das Xornadas Xurídicas Femupo, co título Violencias dixitais contra as mulleres: das redes aos tribunais. Neste foro, ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, o director xeral destacou a futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia como a principal resposta a esta nova problemática.
Neste sentido, definiu a norma como garante da protección ante o ciberacoso ou a difusión non consentida de material sexual, así como medio para contribuír á recuperación das vítimas destas situacións. Segundo explicou Roberto Barba, a lei contempla o borrado da pegada dixital e o desenvolvemento de programas de intervención psicopedagóxica para as condutas aditivas na rede.
No marco desta futura norma, lembrou o director xeral, Galicia é a primeira comunidade de España en formar en violencia de xénero dixital a persoal técnico que traballa directamente coas vítimas. Estas, pola súa parte, teñen a súa disposición un espazo virtual de información e un servizo de asesoramento gratuíto, indicou Roberto Barba, que resaltou o carácter pioneiro da lei galega.

