Lembra que o Goberno de España chegou a vetar en decembro de 2024 esta declaración mentres que a Xunta seguiu insistindo na súa declaración, incluso este mes de xullo cando o Parlamento Galego volveu a aprobar por unanimidade unha proposta nese sentido
O anuncio que o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, vén de facer sobre a declaración do Xacobeo 2027 como Evento de Excepcional Interese Público chega tarde e non responde ao traballo do Goberno central que incluso vetou en decembro esta opción, senón á reivindicación insistente de Galicia por acadalo.
O Parlamento xa aprobou en maio do ano pasado unha proposición non de lei solicitando esta declaración e esta iniciativa foi tamén aprobada ata en tres ocasións na Cámara galega.
Aínda en xullo de 2025, o Parlamento galego tivo que volver aprobar por unanimidade unha proposta para esixir ao Goberno central esta declaración, o que evidencia a demora na resposta do Executivo central. Con todo, a Xunta de Galicia celebra que o Goberno de España atenda por fin as múltiples peticións realizadas para que se autorizasen estas exencións fiscais e incrementar a participación económica e social nun evento de gran importancia para a comunidade galega.
Deste xeito, acompaña á celebración do Ano Santo un réxime especial de beneficios fiscais que impulsará a participación do sector privado en proxectos relacionados co Xacobeo e co Camiño de Santiago.

