A carreira do circuíto Correndo por Ourense causará mañá sábado, 7 de xuño, cortes e restricións de tráfico no centro da cidade. A proba popular, que organiza o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense, sairá ás 22.00 horas da rúa do Paseo (fronte á Delegación de Defensa), e percorrerá as rúas Concello, Xoán XXIII, O Progreso, Avenida de Pontevedra e Lamas Carvajal até rematar na Rúa do Paseo.
O dispositivo de tráfico afectará de forma importante á circulación no centro urbano entre as 21.00 h e as 23:00 h, aproximadamente.
Cortes e desvíos de tráfico
- Na rúa Xoán XXIII só se poderá circular en sentido desde a Avenida da Habana cara ao Xardín do Posío. O tráfico procedente da rúa Concello encamiñarase cara a Xoán XXIII en sentido descendente.
- Na rotonda de San Rosendo, permitirase circular cara ás rúas Ervedelo e O Progreso (en sentido ao Posío). Non estará permitido acceder á rúa Concordia, nin subir cara a Xoán XXIII nin acceder aos aparcamentos públicos nese treito.
- A rúa do Desengano estará pechada ao tráfico desde a Praza de Abastos e os vehículos desviaranse por itinerarios alternativos.
- Os vehículos non poderán acceder a Parada Justel desde Doutor Fleming. O tráfico procedente do Posío desviarase cara ás rúas Praza de Abastos e Doutor Fleming.
Recomendacións
Durante o desenvolvemento da carreira, a calzada será utilizada simultaneamente por corredores/as e vehículos que circulen no mesmo sentido, con balizamento. Solicítase extremar as precaucións e respectar en todo momento as indicacións de Policía Local, evitar estacionamentos indebidos e respectar as normas de tráfico e seguridade viaria. As persoas propietarias de prazas de aparcamento privadas nas zonas afectadas non poderán facer uso delas entre as 21.00 e as 23.00 h.
O Concello agradece a colaboración de toda a cidadanía para o correcto desenvolvemento desta proba deportiva.

