Desde Podemos Ourense expresan a súa profunda tristeza polo falecemento de Víctor Ferreiro, ex Secretario Xeral de Podemos Ourense. A súa perda deixa un enorme baleiro entre todas as persoas que tiveron a sorte de coñecelo, traballar con el e compartir militancia e amizade.
Víctor foi, ante todo, un compañeiro leal e honesto, unha persoa comprometida coa defensa da xustiza social, da igualdade e dos dereitos da maioría social. Durante a súa etapa como Secretario Xeral de Podemos Ourense demostrou sempre unha enorme capacidade de traballo, un profundo sentido da responsabilidade e unha firme vontade de construír unha sociedade máis xusta.
Para moitas persoas dentro da organización, Víctor non foi só un referente político, senón tamén un amigo excepcional. A súa proximidade, a súa palabra sincera e a súa forma de entender a política desde a humildade e o respecto deixaron unha pegada imborrable entre quen compartimos con el tantos momentos de loita e de esperanza.
Pero máis alá da súa traxectoria política, Víctor foi sobre todo un gran pai e unha persoa profundamente comprometida coa súa familia. Quen o coñecían saben que ese era, sen dúbida, un dos piares fundamentais da súa vida.
Desde Podemos Ourense queremos trasladar todo o noso cariño, afecto e apoio á súa familia, ás súas amizades e a todas as persoas que hoxe sofren a súa perda.
Despedimos hoxe a un compañeiro, a un amigo e a unha persoa que sempre apostou polo ben común. O seu recordo e o seu exemplo seguirán acompañándonos no camiño.

