O Auriense promocionará a cidade no seu novo autobús e agarda o Dépor o 29 de outubro no campo do Couto

Redacción

O alcalde felicita o club pola súa “fazaña” ao clasificarse para a Copa do Rei e agarda un ambiente “espectacular”

O club ourensán prepara o partido como unha gran festa con fanzone e moitas actividades

A Praza Maior acolleu esta mañá a presentación do autobús oficial do Auriense CA para a tempada 2026/2027, un vehículo rotulado con imaxes emblemáticas dos atractivos turísticos da cidade —como As Burgas, as pontes, a Catedral, a Torre ou a propia Praza Maior— e baixo o lema “A suma de todos”. Con este vehículo, o club promocionará Ourense nos seus desprazamentos de competición ao longo dos vindeiros meses. No acto participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o presidente, Manu Cerón, e membros do equipo técnico e futbolistas de diferentes categorías.

A cita serviu tamén para presentar o histórico partido da Copa do Rei de fútbol que enfrontará o Auriense co Real Club Deportivo da Coruña o xoves 29 de outubro, ás 21:00 horas, no campo do Couto. As entradas, de entre 20 € e 45 €, xa están á venda nas oficinas do club (praza da Estación, 4, baixo) e na plataforma en liña compralaentrada.com.

O Auriense, conxunto que militará esta campaña na Preferente Autonómica, chega a esta rolda copeira tras proclamarse campión da Supercopa de Galicia e superar na rolda previa o CD San José de Soria.

Durante a presentación, o rexedor felicitou o conxunto ourensán pola súa “fazaña” deportiva: “O campo vai estar cheo e o partido vai ser espectacular”. Pérez Jácome puxo en valor a traxectoria do club e o seu traballo coa base, como é o caso do equipo xuvenil, que “está na antesala da División de Honra, e agardamos que faga unha boa tempada e que poida ascender”.

Pola súa banda, o presidente do Auriense CA, Manu Cerón, manifestou que “é un pracer presentar este autobús oficial. Levará o equipo nos desprazamentos, que agardamos que sexan cando menos tan exitosos como o foron ata agora”. Tamén animou o público ourensán “a vir ao estadio a ver un partido de primeira”. O club traballa en diferentes iniciativas para que o encontro “sexa unha gran festa do fútbol ourensán”, con fanzone, DJ e actividades para nenos e maiores en colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol e o Deportivo.

Comparte este artigo