- Ángeles Vázquez sinala que as instalacións pasarán do Pazo de Lourizán a unhas dependencias que estaban sen uso no edificio administrativo da Xunta na cidade
- A actuación consistirá no reacondicionamento interior dun espazo de 450 m2 e no seu equipamento como laboratorio
- Este laboratorio está acreditado a nivel nacional desde o ano 2002 para a realización de análises químicas e microbiolóxicas en augas naturais e mariñas e para análises químicas en augas residuais e en soportes captadores de aire ambiente
A Xunta de Galicia está a acondicionar a que será a nova sede do Laboratorio de Medio Ambiente na cidade de Pontevedra, segundo explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou esta mañá ás actuais instalacións do organismo.
A conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, sinalou que o traslado do Pazo de Lourizán a unhas dependencias que estaban sen uso no edificio administrativo da Xunta na cidade, permitirá reforzar o papel do Laboratorio como referente nacional e internacional en materia de investigación, vixilancia ambiental e loita contra o cambio climático.
Tal e como sinalou Ángeles Vázquez, o seu traballo contribúe a protexer e conservar o estado dos montes, ríos, solos, augas e ecosistemas de Galicia, velando así pola riqueza natural da comunidade e pola súa biodiversidade.
A conselleira explicou que os traballos de adaptación das novas instalacións comezarán a próxima semana cun orzamento de máis de 700.000 euros. A actuación consistirá no reacondicionamento interior dun espazo de 450 m2 e no seu equipamento como laboratorio. Deste xeito, farase unha nova distribución e executaranse novos sistemas e instalacións conectados a través de galerías de servizo co novo mobiliario técnico específico do laboratorio.
Cómpre salientar que o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia está acreditado a nivel nacional desde o ano 2002 para a realización de análises químicas e microbiolóxicas en augas naturais e mariñas e para análises químicas en augas residuais e en soportes captadores de aire ambiente.
En concreto, o seu traballo divídese en catro programas de control (augas continentais, costeiras e de transición e augas subterráneas; calidade do aire; inspección ambiental; e encoros de captación para consumo humano) realizando no marco dos mesmos tarefas de medición e apoio para diferentes departamentos autonómicos.
En materia de control de calidade das augas, o organismo realiza a toma de mostras e as análises precisas para valorar o estado químico e ecolóxico das augas superficiais e o estado cualitativo e cuantitativo das subterráneas, en virtude dos acordos de colaboración con Augas de Galicia. Tamén en materia hídrica colabora no control das cianobacterias nos encoros de Galicia-Costa, no marco dun programa conxunto co organismo de conca e a Dirección Xeral de Saúde Pública.
Ademais, para avaliar a calidade do aire, toma mostras mediante filtros captadores e tamén de auga de chuvia, información que se complementa coa obtida a través das estacións fixas de medida que hai por toda a comunidade, e por último, participa como organismo de apoio á inspección ambiental colaborando cos inspectores autonómicos na toma de mostras de augas e realizando periodicamente análises no marco do seguimento das autorizacións outorgadas a distintos proxectos e actividades.
Así mesmo, o persoal do LMAG tamén realiza análises a petición doutros departamentos da Xunta, organismos públicos e institucións, como poden ser as universidades, a unidade adscrita da policía autonómica ou o Seprona que en ocasións solicitan a súa colaboración para facer analíticas relacionadas con incidentes que afectan ao medio ambiente, estudos de diagnose do estado dun curso fluvial tras sufrir unha vertedura ou mesmo para o rexistro de especies invasoras e ameazadas.
Cómpre lembrar que o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia conta con dúas sedes. A de Pontevedra está especializada nas análises biolóxicas e no control e vixilancia da calidade das augas e a da Coruña dedícase á análise química e ao control do aire ambiente.

