- O conselleiro de Educación participa na entrega dos premios do XI Concurso de Traballos por Proxectos que fomentan a curiosidade e o coñecemento
- Reciben os galardóns 16 colexios e institutos que abordan nos seus proxectos temas como as matemáticas, o patrimonio, a xeografía, a natureza, a arte ou a ciencia
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o papel das bibliotecas escolares á hora de impulsar investigacións nos centros de ensino. Na entrega dos premios XI Concurso de Traballos por Proxectos fomentados deste estes espazos, o representante da Xunta de Galicia, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, puxo en valor o nivel dos mesmos e o labor para estimular a curiosidade do alumnado en todos os ámbitos do coñecemento.
“Nas bibliotecas escolares apréndese linguaxe audiovisual, a facer radio, a comprender os medios de comunicación, a investigar a contorna do colexio ou a súa historia”, afirmou o conselleiro, quen salientou a súa importancia “como dinamizadores da vida diaria dos centros e da súa contorna”. “Proba diso son estes premios a proxectos impulsados desde as bibliotecas pero que, na súa maior parte, implican a todos os departamentos do centro e incluso ás familias e a asociacións do entorno”, sinalou.
Neste sentido, quixo felicitar aos 16 colexios e institutos premiados pola calidade dos proxectos presentados e, sobre todo, polo traballo en equipo que os fixo posible. “Este tipo de iniciativas contribúen a que o alumnado se achegue á investigación desde unha perspectiva lúdica, ao tempo que adquire hábitos e habilidades que lle van ser moi útiles ao longo da súa vida académica”, afirmou o titular de Educación do Goberno galego.
Centros galardoados
As iniciativas gañadoras responden a temas de interese do alumnado e que desenvolven contidos curriculares en diversos ámbitos do coñecemento como as matemáticas, o patrimonio, a xeografía, a natureza, a arte ou a ciencia, entre outros. O obxectivo do certame é favorecer que os estudantes reforcen as competencias clave a través de proxectos de carácter interdisciplinario e fomentar o traballo en equipo.
A convocatoria contemplaba catro modalidades de participación. Na primeira delas, de proxectos que combinan diversas materias coordinados desde a biblioteca escolar e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula do centro, prémianse 10 centros, que reciben cada un 2.000€ para gastos relacionados co traballo presentado.
Na segunda modalidade, de iniciativas de investigación dirixidas por profesorado dun grupo ou nivel, e na terceira categoría, de proxectos de investigación dirixidos por profesorado para grupos de diferentes cursos ou niveis, os premios son de 1.500€ por centro. Na cuarta modalidade, de proxectos de investigación entre diferentes centros para desenvolver un proxecto común, o galardón ascende a 3.000€.
A relación de centros premiados é a incluída no seguinte cadro, mentres que o detalle dos proxectos pode consultarse no dossier anexo.
| Modalidade | Provincia | Concello | Centro |
| 1 | A Coruña | Brión | IES Brión |
| Santiago de Compostela | CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei | ||
| Ourense | Celanova | IES Celanova Celso Emilio Ferreiro | |
| Pontevedra | Cerdedo-Cotobade | CEIP Plurilingüe de Carballedo | |
| Cuntis | CPI Aurelio Marcelino Rey García | ||
| Meaño | CEIP Plurilingüe As Covas-Meaño | ||
| Salvaterra de Miño | CEIP Plurilingüe de Leirado | ||
| Silleda | IES Plurilingüe Pintor Colmeiro | ||
| O Grove | CEIP Valle-Inclán | ||
| O Porriño | IES Ribeira do Louro | ||
| 2 | A Lama | CEIP A Lama | |
| Vigo | IES Valadares | ||
| 3 | Cuntis | CPI Aurelio Marcelino Rey García | |
| Vilagarcía de Arousa | CEIP A Escardia | ||
| 4 | A Coruña | Carballo | CEIP Xesús San Luís Romero |
| Coristanco | CEIP Canosa-Rus |
Nova convocatoria
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convocou xa a nova edición deste certame, correspondente aos proxectos desenvolvidos ao longo do curso 2025/26. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de xullo.
Os centros interesados en participar deberán enviar as súas propostas a través da aplicación do Portal Educativo acompañadas dunha memoria na que se recollan a xustificación do proxecto, os seus obxectivos, as tarefas realizadas, os recursos empregados ou a implicación da comunidade educativa, entre outra información.

