A Presidenta destaca o traballo colectivo e o espírito de barrio nos Milagrosistas do Ano

Redacción
Lectura mínima de 4

– Carmela López entregou sete dos 20 galardóns, destacando o recoñecemento ao Servizo de Audiovisuais da Deputación do que resaltou que “é un exemplo claro do que significa facer equipo”, para ofrecer unha mirada da provincia “moderna, creativa e cunha grande sensibilidade”

– A mandataria provincial trasladou os seus parabéns a todas as persoas e entidades premiadas nesta cita, da que sinalou como “unha das máis destacadas da vida social de Lugo e un sinal da identidade do barrio da Milagrosa”

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este venres na gala de entrega dos Premios Milagrosistas do Ano, organizada pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa. O evento, celebrado no restaurante Manuel Manuel, premiou a 20 persoas e entidades da provincia. 

Carmela López foi a encargada de entregar sete dos galardóns e definiu estes premios como “unha das citas máis destacadas da vida social de Lugo e un sinal da identidade do barrio da Milagrosa”. Durante a súa intervención, a Presidenta tivo un especial recoñecemento ao Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo, tamén coñecido como a TIC, ao que puxo en valor polo seu labor diario, “é un exemplo claro do que significa facer equipo”, ao reunir profesionais de distintos ámbitos que contribúen a ofrecer unha visión da provincia “moderna, creativa e cunha grande sensibilidade. Grazas ao traballo deste servizo engadiu a Presidenta, “a provincia de Lugo chega máis lonxe e proxéctase con maior forza”.

Así mesmo, a mandataria provincial trasladou os seus parabéns a todas as persoas e entidades premiadas, subliñando a diversidade de traxectorias recoñecidas e o nexo común que as une: “o traballo ben feito, a responsabilidade e o compromiso co que é de todas e todos”.

A Presidenta concluíu sinalando que, máis alá dos galardóns, “o que se constrúe aquí son vínculos, orgullo compartido e sentido de pertenza”, poñendo en valor o espírito de barrio e o compromiso veciñal que fan posible esta celebración ano tras ano.

Os galardoados e galardoadas

A Presidenta entregou premios a Carlos Cebrián Escobar, xerente de Megaro Foods; ao Centro Comercial As Termas; ao Alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín; a Deputada no Congreso do Goberno de España, Patricia Otero Rodríguez; ao Servizo de Audiovisuais de la Deputación de Lugo; a Lactalis Puleva; e a Carlos Arévalo López, piragüista medalla olímpica en Tokio 2020 e bronce en París 2024.

O resto dos premios foron para Miguel Ángel Blanco López, administrador do centro penitenciario de Bonxe; Daniel Santiago Pais, xestor de banca de inversión CaixaBank; M. Carmen Folgueira Aguiar e José María Alvite Pillado, veciños do barrio da Milagrosa; Luis Germán Avilés Cabrera, coroel xefe da Comandancia da Guardia Civil de Lugo; á Unidad Miliar de Emergencias (UME); Leopoldo López Rosés, xefe do servizo de Aparato Dixestivo do HULA; á Escola de Danza Star Dance; a Waldir Sinisterra Restrepo, concelleiro de Movementos Migratorios en Lugo. José Luis Mourín González, subinspector da Policía Nacional de Lugo; Virgilio Río Maciñeiras, inspector principal no Corpo da Policía Municipal; Sandra María Piñeiro Vilas, Presidenta da Audiencia Provincial de Lugo; Manuel Expósito Pardo, propietario do Restaurante Manuel Manuel.

Comparte este artigo