Técnicas cirúrxicas para incontinencias e patoloxías do chan pelviano centran a XIII Xornada de Cirurxíca Coloproctolóxica no Complexo Hospitalario

adminON
Lectura mínima de 4

― Este simposio médico, organizado polo Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do CHUP pontevedrés, celebraráse entre os vindeiros xoves 11 e o venres 12 de abril no salón de actos do Hospital Montecelo

― O presidente do comité organizador da Xornada e xefe de servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva, o doutor Aberto Parajó Calvo incide na importancia de enviar a mensaxe de que a incontinencia anal e os prolapsos de órganos pélvicos poden tratarse con éxito, ben con cirurxía, ou ben con tratamentos pelvianos e outras técnicas

Os profesionais do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra organizan un ano máis a XIII Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica, que se celebra entre os vindeiros xoves 11 e o venres 12 de abril de 2024 no salón de actos do Hospital Montecelo.

Nesta décimo terceira edición da xornada, os temas a tratar no programa científico analizarán as últimas técnicas cirúrxicas para tratar incontinencias e patoloxías do chan pelviano, nun evento que contará coa asistencia de preto dun centenar de profesionais da cirurxía e doutras especialidades coma a uroloxía ou a xinecoloxía e tamén de enfermería, procedentes do resto de España e Portugal.

O contido técnico deste evento inclúe a exhibición en vídeo non editado, mediante vídeoforum, de intervencións no chan pelviano nas que se empregan novedosas técnicas empregadas en quirófano -incluídas cirurxía aberta, laparoscópica e robótica-, e a súa posterior análise, ademais de conferencias e mesas redondas.

Inauguración oficial
A XIII Xornada de Cirurxía Coloproctolóxica arranca mañá, xoves 11, coa inauguración oficial ás 16.00 horas por parte do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés, o doutor José Flores Arias. A continuación, terá lugar a primeira mesa redonda da sesión que leva por nome Incontinencia fecal en 2024.

Segundo sinala o presidente do comité organizador da Xornada e xefe de servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o doutor Aberto Parajó Calvo “os profesionais asistentes a este foro actualizarán coñecementos sobre as últimas técnicas cirúrxicas para tratar incontinencias e patoloxías do chan pelviano. Estas doenzas varían de ser leves -onde a persoa perde só gases- ata graves onde os pacientes teñen unha perda total do control da continencia”.

Cómpre sinalar que a incontinencia fecal afecta a arredor do 2 por cento da poboación española. Tanto os homes como as mulleres sofren deste problema, aínda que é máis común nas mulleres, debido a que durante o parto, pode existir unha lesión dos esfínteres anais. A incontinencia fecal vólvese máis común coa idade xa que os músculos do esfínter anal debilítanse.

Tratamento eficaz contra un drama social
O doutor Aberto Parajó Calvo sinala que, en ocasións, o drama social que se asocia á incontinencia, fai que algúns pacientes non soliciten tratamento, mesmo cando ésta afecta a súa calidade de vida. “Moita xente recorre á modificación das súas actividades sociais e físicas, mesmo a pedir a súa xubilación anticipada. Ademais, algunhas persoas que sofren de incontinencia non acoden ao noso sistema sanitario porque non se decantan de que o seu problema pódese tratar eficazmente. Por iso é importante enviar a mensaxe de que a incontinencia anal e os prolapsos de órganos pélvicos poden tratarse con éxito, ben con cirurxía, ben con tratamentos pelvianos e outras técnicas” subliña.

Comparte este artigo