Teatro con “Antón, un neno diferente” que coñece á Coca de Redondela

adminON
Lectura mínima de 2

A programación de Nadal achega mañá ao auditorio da Xunqueira a obra “Antón, un neno diferente” de Barafunda Teatro. É a historia de Antón, un neno que naceu fisicamente distinto aos habitantes da súa vila, por iso se burlaban del e culpábano de todo o malo que pasaba na vila. Un día unha epidemia de varicela infectou a toda a poboación menos a Antón, e os veciños decidiron expulsalo da vila. Na súa viaxe atópase co Mago Uxío, que está baixo un feitizo e ofrécelle ao neno cumprir un desexo se lle axuda a desfacerse do embruxo. Antón debe conseguir uns ingredientes moi especiais para devolverlle a Uxío os seus poderes e conseguir así ese ansiado desexo. Durante a súa viaxe, Antón coñece a personaxes da tradición oral galega, como Edoardo o Biosbardo, a presumida Coca de Redondela, unha Maruxaina furiosa e Ramiriño o Demiño, obsesionado cos videoxogos. Antón consegue atopar todo o que precisa para axudar a Uxío e o Mago dálle a posibilidade de ter non un, senón tres desexos que debe escoller moi ben. Cales serán os tres desexos de Antón?
O espectáculo está dirixido a público infantil e familiar, mañá xoves ás 18.00 horas no auditorio da Xunqueira ata completar aforo.

Comparte este artigo