A cultura dixital prende en Carballo: os éxitos da Atlantic Games Conference e do Carballo Interplay confirman o noso potencial como referente creativo

Redacción
Lectura mínima de 3

Se alguén aínda dubidaba de onde está o futuro da creación dixital, a resposta estivo neste mes de abril en Carballo. A Atlantic Games Conference e o Carballo Interplay sumaron forzas para demostrar que aquí hai fame de cultura, de videoxogos e de novas linguaxes. O resultado? Fórum e mercado convertidos en fervedoiros de xente nova, ideas e premios moi merecidos.

Carballo Interplay puxo o broche á súa 13ª edición co seu palmarés máis internacional. A canadiense T-REX, un retrato brutal sobre a masculinidade, levou o premio á mellor serie, mentres que a francesa Eyes in the woods, coa súa estética queer e superheroica, recibiu o Premio Xurado Novo e os daneses de The struggle for existence (S2), que xa son vellos coñecidos do festival, volveron namorar ao público coa súa segunda tempada.

No ámbito galego, o festival volveu poñer o foco no talento que está a medrar na rede: Miradenovo foi premiada como mellor canle, mentres que Antontísimo destacou como creador polo seu estilo directo e sen artificios. Ademais, o proxecto Crossbooking Castelao recibiu o apoio á produción, reforzando esa idea de que en galego tamén se están a xerar propostas pensadas para o dixital.

Pola parte que nos toca na Atlantic Games Conference, a sensación non pode ser mellor. Nesta segunda edición confirmamos que o proxecto ten corda para rato: sold out nas charlas do sábado e nos obradoiros de figuras como Maikel Ortega ou Juno Menager.

Pasamos de Grecia a Francia sen saír de Carballo, aprendemos con Harry Alisavakis ou Pierre Corbinais, pero reivindicando o noso con Hernán Calvo, Aquiles ou Iago Álvarez. Ver a zona de stands chea de xente de todas as idades probando xogos e aos creadores recibindo mentorías dounos a enerxía necesaria para pensar en chegar tamén ás 13 primaveras que leva o Interplay.

Este mes de abril deixounos unha idea clara: isto vai a máis. Tanto o Carballo Interplay como a Atlantic Games Conference pechan edición deixando ganas de repetir, de volver e de ver ata onde pode chegar todo isto o ano que vén.

Comparte este artigo