– A Presidenta da institución provincial e o responsable da entidade galega asinaron un convenio de colaboración que permitirá manter a oficina técnica de referencia para os comerciantes da provincia interesados en mellorar a súa competitividade
– “Grazas a esta achega fortalecemos un sector estratéxico pola súa capacidade de xerar emprego e o seu papel na dinamización económica e social do territorio, dotándoo das ferramentas necesarias para afrontar os retos actuais”, valorou Carmela López
– Esta oficina está situada no centro urbano de Lugo e ofrece asesoramento xurídico, fiscal e administrativo; apoio na dixitalización, innovación e venta online; axuda na xestión empresarial e acceso á financiación; ou cursos formación e actualización
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 40.000€ á entidade galega. O obxectivo da axuda é o de financiar o mantemento dunha oficina técnica de información e asesoramento para os comerciantes da provincia interesados en mellorar a súa competitividade.
Situada no centro de Lugo –na Ronda da Muralla, 52- esta oficina ofrece entre outras cuestións: asesoramento xurídico, fiscal e administrativo; apoio na dixitalización, innovación e venta online; axuda na xestión empresarial e acceso á financiación; ou cursos formación e actualización. Tamén dá servizo ás asociacións de comerciantes que non dispoñen de estrutura propia, impulsa o emprendemento e organiza campañas e eventos co obxectivo de promocionar o comercio local.
“Grazas a esta achega fortalecemos un sector estratéxico pola súa capacidade de xerar emprego e o seu papel na dinamización económica e social do territorio”, valorou Carmela López. Explicou que “facémolo dotando aos comerciantes das ferramentas necesarias para afrontar os retos actuais, especialmente no ámbito da dixitalización e da competitividade, e impulsando á vez un modelo de colaboración eficiente no tecido asociativo, garantindo un impacto directo, visible e sostible”.
Pola súa banda, Seijas, loou a implicación da Deputación Provincial de Lugo co tecido comercial lucense, manifestando que “con esta achega garantimos a información e apoio aos empresarios e estruturas comerciais, aportando ferramentas fundamentais para garantir a súa competitividade, fomentar o emprendemento e promocionar un sector cun papel económico e social estratéxico”.
O orzamento previsto para manter este servizo é deste ano de 349.000€. Uns fondos que serven para financiar a un equipo especializado e as instalación, desde as que ofrecen atención directa e asesoramento nos propios establecementos.

