Martín, 16 anos, autismo e unha paixón polo motor que o levou ao máis alto do podio xunto ao seu pai

Redacción
  • O Porriño recoñece con unha medalla ao mérito deportivo a Martín Martínez, que debutou como copiloto de José Antonio Martínez no II Rallysprint de Lobios e conseguiu o primeiro posto na Agrupación 5

Martín Martínez ten 16 anos, adora o mundo do motor e unha memoria extraordinaria para lembrar os resultados das competicións nas que participou o seu pai durante décadas. Fai uns días, esa paixón levouno a dar un paso máis: sentar por primeira vez no asento de copiloto de José Antonio Martínez no II Rallysprint de Lobios. A experiencia non puido ter mellor final: pai e fillo proclamáronse primeiros da súa categoría, a Agrupación 5, a bordo dun Fiat Seicento amarelo.

Martín ten autismo e a súa historia é tamén unha oportunidade para lembrar que todas as persoas teñen capacidades, talentos e intereses que merecen espazo para desenvolverse. No seu caso, a memoria, a concentración e o coñecemento do mundo do motor forman parte das súas fortalezas. Agora, ademais, pode engadir unha vitoria deportiva á súa experiencia como copiloto e a ilusión de volver competir co seu pai.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu a ambos no Salón de Honores da Casa do Concello para felicitalos polo resultado e recoñecer especialmente a Martín. Durante o encontro, fíxolle entrega dunha medalla ao mérito deportivo logo de escoitar abraiado como o mozo contaba a súa xesta:  A carreira non estivo exenta de dificultades. Despois das verificacións do venres e dos adestramentos do sábado pola mañá, comezaron a competir pola tarde. Nun dos primeiros tramos, un vehículo que circulaba diante deles dificultoulles o paso e, noutra pasada, tiveron problemas co quentamento do sistema de refrixeración. Pero continuaron ata completar a proba e conseguir a vitoria. 

De feito, a chegada ao parque pechado converteuse nunha auténtica celebración que Jose colgou nas súas RRSS, descorchando unha botella de champaña case sen poder conter as lágriamas de alegría 

Preguntado polo alcalde sobre como se sentía ao gañar xunto ao seu pai, respondeu cun sinxelo “si” que non precisaba de moitas máis explicacións. “Tanto O Porriño como o teu pai estamos moi orgullosos do que fixestes”, aseguroulle  Alejandro Lorenzo.

“Estamos encantados de defender os colores do Porriño por toda Galicia, toda España e onde nos faga falta”, asegura José Antonio.

Martín está a estudar un ciclo de formación profesional de Automoción e xa pensa en participar en máis carreiras co seu pai. A súa primeira experiencia como copiloto demostra tamén que o deporte pode ser un espazo para descubrir capacidades, alimentar vocacións e compartir obxectivos.

Comparte este artigo