O BNG denuncia a pasividade do goberno municipal ante o mal funcionamento do servizo de recollida de lixo

Redacción

Veciños e veciñas do Igrexario (Loureiro) denuncian que o colector de envases leva meses sen ser recollido

O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, faise eco das denuncias da veciñanza do Igrexario, en Loureiro, un lugar que desde hai meses non se recolle o lixo do colector de envases. “Desgrazadamente -afirma Filgueira- este non é un caso aillado do lugar, senón que é un problema recorrente no conxunto das parroquias do Concello, ante a absoluta pasividade do goberno municipal do señor Cubela”.

Diante desta situación, o BNG esixe un servizo de recollida do lixo eficaz e de calidade, que ademais de garantir a limpeza e a boa imaxe do noso concello contribúa, á loita contra o cambio climático.
“Instamos ao goberno de Cubela a adoptar as medidas necesarias para mellorar substancialmente o servizo de recollida selectiva dos residuos” afirmou Filgueira para quen é fundamental “o aumento de frecuencias de recollida, a colocación de máis colectores,a hixienización e/ou substitución dos colectores deteriorados, a realización de campañas informativas sobre os residuos voluminosos e orgánicos e o estabelecemento dun sistema eficaz de atención para dar resposta áxil e eficaz ás incidencias comunicadas pola veciñanza”.

Comparte este artigo