A Deputación dota dun aparcadoiro disuasorio a Pazos de Arenteiro fomentando a mobilidade sostible no único conxunto histórico artístico do rural galego

Redacción
Lectura mínima de 3

O presidente da institución provincial, Luis Menor, visitou hoxe o remate desta obra que permite reducir o acceso rodado a este núcleo, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense coge velocidad, Villas Históricas y Termales” (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE – NextgenerationEU), que contribúe á descarbonización dos cascos históricos

Menor puxo esta obra como exemplo da folla de ruta do goberno provincial: a cooperación cos concellos como principal misión, a captación de fondos europeos para mellorar o destino e a calidade de vida da veciñanza, e o impulso dun desenvolvemento sostible e respectuoso da provincia

A Deputación de Ourense dotou dun aparcadoiro disuasorio a Pazos de Arenteiro fomentando a mobilidade sostible no único conxunto histórico artístico no rural galego. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe, acompañado da alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; e do xefe de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices, o remate destas obras que se levaron a cabo no marco do Plan de Sustentabilidade Turística “Ourense coge velocidad, Villas Históricas y Termales”.

Menor puxo esta obra como exemplo da folla de ruta do goberno provincial: a cooperación cos concellos como principal misión, a captación de fondos europeos para mellorar o destino e a calidade de vida da veciñanza, e o impulso dun desenvolvemento sostible e respectuoso da provincia.

Neste sentido, o presidente provincial explicou que se trata dun servizo que, en primeiro lugar, beneficia á propia veciñanza e que, ademais, ofrece un bo servizo aos visitantes que se atopan “cun espazo ordenado, que respecta ao medio ambiente, sostible coas conexións para vehículos eléctricos e que, polo tanto, resolve un problema e engade valor ao propio casco histórico”.

Con este aparcadoiro contribúese a protexer o noso patrimonio ao reducir o tráfico no interior do casco histórico, foméntase a saúde e o benestar ao apostar por espazos que melloren a calidade de vida da veciñanza e dos visitantes priorizando aos peatóns sobre os vehículos; e compaxina a modernidade co respecto pola identidade mellorando a estética sen renunciar aos servizos actuais.

Con esta actuación, que supuxo un investimento de preto de 100.000 euros, lógrase reducir o tráfico e as emisións de gases contaminantes no casco histórico, ofrecer solucións de mobilidade activa como zonas peatonais, conservar o patrimonio e mellora da calidade ambiental reducindo o impacto dos contaminantes nas construcións antigas e na saúde dos habitantes.

Este PSTD da Deputación, xerenciado polo Inorde, enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE – NextgenerationEU, en colaboración coa Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.

Comparte este artigo