-A presidenta Carmela López, xunto ao deputado de Formación Miguel Fernández, fixeron entrega no Pazo de San Marcos dos títulos acreditativos de participación nun curso sobre a normativa que regula patinetes, monociclos ou Segways
-A acción formativa, homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública, enmárcase no Plan Agrupado de Formación Continua da institución provincial e contou con participantes de Lugo, Ribadeo, Foz e Monforte de Lemos
A presidenta da Deputación, Carmela López, xunto ao deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, entregaron este venres, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, os diplomas acreditativos de participación aos 21 axentes da Policía Local da provincia que realizaron o curso Intervención Policial con Mobilidade Eléctrica Lixeira Urbana, unha acción ofrecida pola institución provincial dentro do seu Plan Agrupado de Formación Continua.
Na acción formativa, que está homologada pola AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública), participaron axentes procedentes a maioría de Lugo, pero tamén de Ribadeo, Foz e Monforte de Lemos. O curso tivo unha duración de 24 horas e celebrouse os días 9, 10 e 11 de xuño nas aulas de formación da Policía Local de Lugo.
A presidenta felicitou a unha representación dos participantes por completar esta formación e agradeceu o seu compromiso coa aprendizaxe continua e coa mellora das súas capacidades profesionais. “Desde a Deputación apostamos cada ano pola formación da Policía Local porque sabemos da importancia de contar con profesionais preparados, actualizados e capaces de responder aos retos que xorden no exercicio das súas función”, declarou.
Carmela loou ademais a importancia destes efectivos nos concellos. “Sodes un servizo fundamental pola vosa proximidade á cidadanía e polo traballo que desenvolvedes cada día en favor da seguridade, da convivencia e da atención ás necesidades dos veciños e veciñas”, sinalou.
Parte dos diplomas entregaranse nos vindeiros días aos axentes que non puideron asistir ao Pazo de San Marcos, porque esta fin de semana forman parte do dispositivo de seguridade despregado polo Rally San Froilán.
Novos retos para a mobilidade urbana
O curso centrouse na actualización dos coñecementos sobre a normativa aplicable aos vehículos de mobilidade persoal (VMP) e aos vehículos persoais lixeiros (VPL), co obxectivo de dotar os axentes de criterios técnicos e ferramentas prácticas para intervir ante os novos escenarios da mobilidade urbana.
Entre os contidos abordados figuraron a análise da Lei 5/2025, de modificación da normativa sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos a motor, e do Real decreto 52/2026, polo que se modifica o Regulamento xeral de vehículos.
A formación incluíu tamén o estudo das características técnicas dos VMP, os criterios para clasificar os distintos tipos de vehículos, os requisitos de identificación e certificación, os procedementos de inscrición no Rexistro Nacional de Vehículos e o control das obrigas de aseguramento.
Ademais, os participantes afondaron nos procedementos de actuación policial ante posibles infraccións, desde a formulación de denuncias administrativas ata as posibles responsabilidades penais, así como nas medidas provisionais que poden adoptar os axentes en función da gravidade dos feitos, incluídas a inmobilización e a retirada dos vehículos. O programa completouse coa análise de casos prácticos relacionados coa intervención policial.
A formación continua, clave para uns concellos máis eficaces
O Plan Agrupado de Formación Continua da Deputación de Lugo ofrece este ano 21 accións formativas, con 664 horas lectivas e 975 prazas dirixidas aos 5.114 empregados e empregadas públicas das administracións locais da provincia. Este programa, que a institución provincial desenvolve desde 1995, busca mellorar a capacitación do persoal municipal e modernizar os servizos públicos mediante formación especializada en ámbitos como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a contratación pública ou a protección de datos. A maior parte dos cursos impártense en liña, facilitando o acceso á formación do persoal dos concellos de toda a provincia.

