• Silvia Junco acode á chamada de auxilio dos negocios afectados pola “inacción absoluta” do Gobierno de Lores despois de ser avisados en reiteradas ocasións polos comerciantes
• A edil popular esixe unha solución inmediata para o enreixado e para o grave problema de humidades que levan anos padecendo
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Silvia Junco denunciou a “inacción absoluta” do Gobierno local do BNG despois de ser avisados en varias ocasións polos comerciantes do Mercado Virxe do Camino de que o enreixado de entrada aos seus negocios, na rúa Frei Xoán de Navarrete, leva días estragada.
Ante a “desidia” e o “inmobilismo total” dos responsables municipais, os principais afectados tamén se puxeron en contacto co Partido Popular, como a única formación do Concello que lles axudou sempre a trasladar as súas necesidades ao Executivo liderado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Junco visitou os comercios, tanto onte como hoxe, para comprobar que seguen sen ningunha solución, sen poder realizar a carga e descarga das súas mercancías pola porta principal, tendo que avisar eles mesmos aos clientes de que poden entrar pola outra entrada da rúa Sagasta e sufrindo un novo prexuízo significativo para os seus negocios, que se traduce en novas perdas económicas.
“A situación de abandono chega a tal punto de que o Concello de Pontevedra nin sequera puxo un cartel informativo para indicar aos clientes o acceso alternativo, tendo que ser os propios afectados os que asumiron esa tarefa por iniciativa propia para poder seguir vendendo ao público”, alertou a edil popular.
Non é a primeira vez que o PP de Pontevedra denuncia o “desprezo absoluto” por parte do Gobierno local cara a estas galerías municipais. Xa meses atrás, advertiuse desde o principal partido da oposición de que o mercado “caía a pedazos literalmente, co derrubamento de parte do tellado que, por certo, segue sen arranxarse”, lamentou Junco.
A concelleira lembrou que “tiveron que ser os propios traballadores dos postos, os encargados de asumir a situación, limpando, agrupando os entullos e colocando cubos para recoller a auga das pingueiras provocadas polo mal estado das instalacións pertencentes ao Concello”.
En definitiva, os populares demandaron unha solución urxente ao problema do enreixado, como os negocios afectados levan pedindo desde que empezou a fallar o 8 de abril, así como tamén o arranxo do grave problema de humidades que afecta as paredes, os chans e o teito do Mercado Virxe do Camino.

