Pardo esixe ao Concello a suspensión das cotas aos praceiros afectados polas obras na cuberta, que xa tiñan que estar rematadas

Redacción

● A concelleira do Partido Popular, Pepa Pardo, solicita ademais unha sinalización provisional axeitada para os postos reubicados e afectados

● Praceiras afectadas recoñecen a caída de ventas ao non atoparse nas súas localizacións ou arriconadas polas estructuras temporais

concelleira do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, esixe ao Concello de Pontevedra unha suspensión temporal das cotas aos praceiros afectados polas obras que se están a acometer na cuberta do Mercado de Abastos e que ten montada unha estrutura temporal que obrigou a reubicar oito postos e outros mantéñense ocultos tras os paneis que recubren o andamiaxe.

Esta reforma, que prevé a renovación da cuberta interior con vidros intelixentes, suporá unha mellora para os praceiros, cuestión que todos ven con bos ollos, segundo lle indicaron á concelleira do Partido Popular de Pontevedra. Sen embargo, a obra está a acumular retrasos, pois “ pois tiña previsto un prazo de execución de dous meses e xa se cumpriu. Unha vez máis, vemos como os traballos do primeiro lucernario se están a demorar máis do previsto”, indica Pardo

A concelleira popular lembra que a edil Anabel Gulías anunciou un prazo de dous meses para as obras, que se cumpre hoxe mesmo, e “como soe acontecer con todas as obras deste Concello, o prazo xa se cumpriu e os traballos aínda non chegaron ao seu ecuador.

É por iso que Pepa Pardo considera que os praceiros afectados merecen unha compensación polas molestias que lles están a causar estas obras “e o mínimo que pode facer o Concello de Pontevedra é suspenderlle temporalmente as cotas aos comerciantes que vén como os seus negocios non facturan como de costume por causa das obras”.

Ademais, a concelleira popular considera que debe instalarse unha sinalización temporal axeitada para que a clientela poida achegarse aos postos reubicados de xeito sinxelo.

Por outra banda, Pardo sinala que tal e como están a avanzar os traballos, todo apunta a que o Mercado de Abastos de Pontevedra se vai atopar en obras en plena campaña de Nadal. “Lores e Gulías deberían ser empáticos cos comeciantes. Terían que reunirse cos praceiros para explicarlle os prazos de execución e finalización das obras”. Para Pardo, os empresarios autónomos que venden no Mercado de Abastos de Pontevedra merecen o maior dos respectos porque son os que lle dan vida á praza co seu traballo diario, ofrecendo produto fresco, local e de primeirísima calidade.

Comparte este artigo