Mariñas Coruñesas vivirá o ‘día espello’ da eclipse solar cunha xornada para entender o fenómeno e saber vivilo con seguridade

Redacción
Lectura mínima de 2

• A Reserva acollerá a especialistas en divulgación Starlight
• Haberá unha práctica de fotografía cun simulacro da eclipse

A Xunta de Galicia , en colaboración coa Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, na súa calidade de Destino Turístico Starlight, organiza a xornada de divulgación “Galicia, Porta de entrada da Eclipse”. O evento celebrarase o chamado ‘día espello’, o vindeiro xoves 30 de abril na Sala Multiusos da sede da Reserva en Mabegondo co obxectivo de preparar á poboación e ao sector turístico para o agardado evento astronómico do 12 de agosto.

A iniciativa está dirixida ao público en xeral, ao persoal municipal dos 17 concellos que conforman a Reserva de Biosfera e ao tecido empresarial da comarca. O obxectivo é ofrecer as ferramentas necesarias para comprender o fenómeno e, sobre todo, aprender a gozalo sen riscos visuais.

A xornada formativa arrancará ás 9.00 horas coa benvida institucional por parte de Diego López, Xestor da Reserva. Ao longo da mañá, o programa contará con especialistas acreditados.

Ás 9.15 horas terá lugar a charla e coloquio sobre a “Astronomía básica dunha eclipse e observación segura”, impartida por Begoña Estévez e Antonio Pazos, monitores Starlight.

Ás 11.00 horas será a presentación oficial da xornada coa participación de Turismo de Galicia, o presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia.
Tras un breve descanso, ás 11.35 horas afondarase na “Fotografía da Eclipse” con Fernando Rey Daluz, experto en formación audiovisual e divulgación científica certificado pola Fundación Starlight. Ás 12.45 horas concluirá cunha práctica de fotografía da eclipse, observación solar e un simulacro do fenómeno.

O peche da xornada terá lugar ás 14:00 horas. Este evento supón unha oportunidade estratéxica para compartir coñecemento entre profesionais e administracións, ademais de poñer en valor o compromiso do territorio co astroturismo e a calidade do seu ceo.

Comparte este artigo