● Pídelle a Lores a inmediata desconvocatoria desta concentración e esixe ao alcalde de Pontevedra unha “inmediata condena da violencia”
● Domínguez ten moi presente o acontecido nos últimos días na Coruña e considera que eses altercados son “incompatibles coa convivencia democrática. As discrepancias non se expresan con pedras, incendios nin vandalismo”
O presidente local do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, considera unha auténtica “irresponsabilidade e imprudencia” a convocatoria dunha ‘concentración fronte á represión policial’ convocada polo BNG para este domingo en Pontevedra. Por este motivo, pídelle ao líder do BNG en Pontevedra e alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, “responsabilidade, prevención e a inmediata desconvocatoria desta concentración para evitar calquera tipo de incidente na cidade porque Pontevedra non merece as imaxes que miramos na Coruña”.
O líder do PP de Pontevedra condena calquera tipo de violencia e indica que o ocorrido na Coruña “non é compatible coa convivencia democrática. As discrepancias non se expresan non pedras, incendios nin vandalismo”. Domínguez esixe que Lores se pronuncie e que faga unha “condena clara da violencia. Como alcalde de Pontevedra debe condenar sen ambigüidades os feitos acontecidos na Coruña e rexeitar calquera forma de violencia”.
“Cando aínda todos estamos sobrecollidos pola violencia” que se viviu na Coruña e preocupados polas imaxes dos “cachorros do BNG” queimando contedores “é unha imprudencia e unha auténtica irreponsabilidade convocar unha concentración contra a represión policial”, indica Domínguez.
Domínguez pídelle a Lores “que aplique o sentido común, que condene a violencia vivida na Coruña e, sobre todo, pídolle un apoio expreso para a Policía Nacional”. Para o portavoz do PP de Pontevedra, resulta sorprendente que en lugar de escoitar unha condena da violencia da boca de Lores “o BNG responda con máis violencia” convocando concentracións para o domingo non só en Pontevedra, senón tamén nas outras seis cidades galegas.
Domínguez indica que se por algo se caracteriza Galicia é porque sempre foi unha terra pacífica “que non quere violencia” porque aquí sabemos que as ideas “se defenden con argumentos, con palabras, negociando e nunca queimando colectores nin alimentando o odio e o conflito social” que semella que é o que está a promover o Bloque Nacionalista Galego e os seus brazos executores nos últimos días.
Domínguez lembra que a situación vivida na Coruña rematou con tres persoas detidas, numerosos feridos (entre eles 13 axentes da Policía Nacional) e numerosos danos no mobiliario urbano “que non queremos que se viva en Pontevedra nin en ningunha outra cidade, porque nin a cidadanía nin o comercio da vila do Lérez merece vivir ningún risco de incidentes”.

