A Deputación insta á Xunta a estudar a viabilidade dun novo modelo de emerxencias na Montaña 

Redacción
Lectura mínima de 5

– O Pleno aprobou unha moción socialista para que o Executivo de Rueda estude de xeito “urxente” e en coordinación coa institución provincial, a posibilidade de crear un parque de bombeiros na comarca da Fonsagrada e Os Ancares

– “É unha necesidade estrutural de seguridade pública nunha das zonas máis extensas, dispersas e vulnerables do noso territorio”, valorou a Presidenta. Detallou que os tempos de resposta superan na actualidade os 60 minutos, “lonxe dos 30 recomendados”

– Luz verde a outra iniciativa do PSdeG para reclamarlle ao Goberno autonómico un cambio de modelo na xestión da prevención dos lumes forestais

O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes aprobou instar á Xunta de Galicia a estudar a viabilidade dun novo modelo de emerxencias na Montaña. Así se acordou na sesión ordinaria da corporación provincial celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos tras a moción presentada polos socialistas, que reclama un reforzo do sistema público para garantir unha resposta eficaz en todo o territorio. A iniciativa saíu adiante co voto favorable do PSdeG, do BNG e do Deputado non adscrito e os votos en contra do PP.

“É unha necesidade estrutural de seguridade pública nunha das zonas máis extensas, dispersas e vulnerables do noso territorio”, valorou a Presidenta da institución, Carmela López, antes de entrar á sesión plenaria. Detallou que os tempos de resposta superan na actualidade os 60 minutos, “lonxe dos 30 recomendados”, o que nun contexto de alta dispersión poboacional e condicións orográficas complexas “supón unha limitación da capacidade de intervención e unha mingua evidente na protección de persoas e bens”.

A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que na actualidade, as comarcas da Montaña presentan unha solución especialmente preocupante. Á problemática exposta pola mandataria provincial súmase, engadiu Porto, “o abandono progresivo da actividade agropecuaria  deu lugar a un incremento significativo da masa forestal” e á necesidade de protexer infraestruturas estratéxicas, como instalacións enerxéticas ou recursos turísticos e paisaxísticos de alto valor.

Sinalou a Deputada que a provincia de Lugo conta só con cinco Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES): Friol, A Pontenova, Quiroga, Folgoso do Courel e Monterroso. E que o propio sistema de atención de emerxencias 112 Galicia ve limitada a súa eficacia pola falta de medios operativos próximos.

O texto socialista aprobado acordou, por unha parte, instar á Xunta de Galicia a estudar a maneira urxente e coordinada coa Deputación de Lugo, a viabilidade da creación dun parque de bombeiros na montaña lucense que permita garantir tempos de resposta eficaces e unha cobertura real do servizo nas zonas actualmente desatendidas; e por outra, analizar e avaliar as posibles fórmulas para reforzar o sistema de emerxencias, explorando entre outras opcións, a posible integración dos GES no Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do servizo contra incendios e salvamento.

Prevención de lumes forestais

Ademais, o Pleno celebrado aprobou unha iniciativa socialista para reclamarlle á Xunta un cambio de modelo na xestión da prevención de lumes. Baseándose nos datos do 2025, que deixaron na provincia de Lugo 248 lumes que arrasaron 13.694 hectáreas de terreo, o PSdeG propón reformular o sistema. A iniciativa contou cos votos a favor dos socialistas, o BNG e o Deputado non adscrito, e os votos en contra do PP.

Ampliar a superficie incluída baixo a protección das faixas secundarias de xestión da biomasa, desenvolver plans de autoprotección e evacuación para todos os núcleos de poboación ou avanzar coa tramitación da nova Lei de loita integral contra os incendios forestais son algunhas das propostas que recolle o texto aprobado.

Comparte este artigo