– O Pleno aprobou unha moción de urxencia para defender ao actual Goberno de Lugo, reclamar o respecto á vontade expresada nas eleccións de 2023 e instar á implantación de medidas legais para impedir beneficios derivados do uso de tránsfugas
– “Non hai proxecto político detrás de quen sobe aproveitando a desgraza allea, e non hai estabilidade institucional posible cando o acceso ao goberno se fía ao mercadeo de vontades. Lugo non se vende”, remarcou a Voceira socialista do Goberno provincial
O Pleno da Deputación de Lugo celebrado este martes sacou adiante unha moción de urxencia presentada conxuntamente polo partido Socialista e o BNG para condenar o transfuguismo e denunciar a manobra de Elena Candia para alterar a vontade das urnas en Lugo. “Non hai proxecto político detrás de quen sobe aproveitando a desgraza allea, e non hai estabilidade institucional posible cando o acceso ao goberno se fía ao mercadeo de vontades. Lugo non se vende e quen aspira a representala ten que estar á altura”, remarcou a Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.
A iniciativa saíu adiante cos únicos votos en contra do PP.
García Porto sinalou que baixo o discurso de “parálise” e “deriva” co que a señora Candia xustifica a súa moción de censura “non se corresponde coa realidade”. Explicou que este mandato o Concello de Lugo viviu tres golpes humanos “extraordinariamente duros” os falecementos da Alcaldesa, Paula Alvarellos e dos concelleiros Pablo Permuy e Olga Racamonde. Que a pesar diso “o goberno do bipartito, encabezado polo Alcalde Miguel Fernández, mantivo a capacidade de xestión, atendeu ás necesidades da veciñanza e non paralizou ningún proxecto”.
Denunciou que “a operación impulsada pola señora Candia resulta especialmente reprobable por iso mesmo. Mentres se compartían publicamente as condolencias polas tres perdas, calculábase friamente como tirar partido daquelas circunstancias para forzar un cambio de goberno a un ano das eleccións municipais. As mesmas lágrimas que se derramaban en público convivían cunha aritmética moi distinta nos despachos”.
A Voceira socialista cargou tamén contra a concelleira María Reigosa, “o que noutro contexto debería traducirse nun compromiso reforzado co proxecto que a levou á institución, viuse axiña eclipsado por unha sucesión de aspiracións persoais que o seu propio grupo non puido colmar”. Nese sentido, lamentou que optase entrar na historia política da cidade “pola porta do transfuguismo”. E sinalou que a cidadanía de Lugo expresou a súa posición o 24 de abril, con máis de 3.000 persoas concentrándose na Praza Maior convocadas pola plataforma Transfuguismo non, democracia si, “na maior mobilización política rexistrada na cidade en moitos anos”.
O texto conxunto de socialistas e nacionalistas condena o uso de tránsfugas para alterar maiorías políticas; reproba ao PP de Lugo e ás persoas implicadas, tanto a Elena Candia como a María Reigosa; defende ao Goberno actual da cidade; reclama respecto á vontade expresada nas eleccións do 2023; e insta a que se tomen medidas legais para impedir beneficios derivados do transfuguismo.

