Domínguez convoca os veciños para escoitar as súas demandas sobre o PIA e trasladalas persoalmente á Xunta

Redacción
Lectura mínima de 3

• A reunión, impulsada polo líder do PP de Pontevedra, celebrarase o xoves 7 de maio, ás 19.00 horas, no Centro Leste da Parda

• “A convocatoria será aberta para escoitar activamente as súas preocupacións e poder trasladarlles toda a información que estea ao noso alcance, co convencemento de que a Consellería de Vivenda buscará a mellor solución para todos”, asegura Domínguez

O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, convocou aos veciños da Parda e Santo Mauro a unha reunión aberta que se celebrará o vindeiro xoves 7 de maio, ás 19.00 horas, no Centro Leste, co obxectivo de escoitar de primeira man as súas necesidades e inquietudes en relación co desenvolvemento do Plan de Impulso Autonómico (PIA) previsto neste ámbito territorial.

Domínguez enmarca este novo encontro na vontade do PP de Pontevedra de manter unha interlocución directa e permanente cos veciños afectados por un proxecto de gran relevancia para o futuro da cidade, como é o PIA impulsado pola Xunta de Galicia, como unha actuación estratéxica que permitirá dar resposta a unha das principais necesidades da actualidade: “ampliar a oferta de vivenda e favorecer o crecemento ordenado ante o inmobilismo absoluto do alcalde do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, para actualizar un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), vixente desde 1989”, lamentou.

O líder dos populares comprometeuse a recoller persoalmente todas as demandas, inquietudes e propostas dos residentes e propietarios da zona para trasladarllas á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, co afán de que poidan ser analizadas e tidas en conta no desenvolvemento do proxecto urbanístico de 2.000 vivendas.

“Somos o partido máis próximo aos problemas reais da cidadanía. Por iso é o noso deber citarnos sempre con calquera veciño que estea a pasar un momento de incerteza, escoitar activamente as súas preocupacións e poder trasladarlles toda a información que estea ao noso alcance canto antes, co convencemento de que a Xunta buscará a mellor solución para todos eles”, afirmou.

A convocatoria do xoves da semana que vén enmárcase na liña de traballo que Rafa Domínguez mantivo durante as últimas semanas, tras un primeiro encontro privado, mantido hai 15 días, con persoas directamente afectadas polas expropiacións de Santo Mauro.

Comparte este artigo