• A xornada terá lugar o 17 de novembro, de 16:30 a 18:30 horas, na Casa dos Alonso
• Esta actividade complementa aos obradoiros de sexualidade que se están a desenvolver nos centros educativos do municipio
A Guarda, 9 de novembro do 2026 – O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Guarda organiza o martes 17 de novembro unha charla sobre sexualidade integral, dirixida ás familias e ao profesorado de Educación Primaria.
O coloquio terá lugar na Casa dos Alonso, de 16:30 a 18:30 horas, e ten como obxectivo ofrecer un espazo de encontro, reflexión e diálogo arredor da educación afectivo-sexual na infancia.
Esta iniciativa forma parte do conxunto de actuacións que o CIM da Guarda está a desenvolver ao longo deste trimestre en materia de sexualidade e igualdade, especialmente dirixidas á poboación máis nova. Neste contexto, estanse levando a cabo obradoiros de sexualidade nos centros educativos do municipio, adaptados ás diferentes etapas e necesidades da infancia.
A charla do 17 de novembro nace como unha actividade complementaria a estes obradoiros, coa finalidade de implicar tamén ás familias e ao profesorado neste proceso educativo. A participación das familias e da comunidade educativa resulta esencial para acompañar á infancia durante o seu desenvolvemento, resolver dúbidas, ofrecer ferramentas educativas e favorecer unha comunicación aberta e adaptada a cada idade.
Con esta proposta, o CIM da Guarda continúa reforzando o seu compromiso coa prevención das desigualdades, a coeducación e a promoción dunha sociedade máis igualitaria, apostando pola educación como ferramenta fundamental para construír relacións baseadas no respecto e na igualdade.
A actividade está organizada polo CIM do Concello da Guarda e subvencionada pola Deputación de Pontevedra.

