Xa hai gañadores da vixésimo oitava edición do Certame Fotográfico “Xosé Manuel Eirís”, un dos eventos culturais máis consolidados da comarca, que busca fomentar a creación artística e homenaxear a figura do polifacético animador cultural carballés.
Tras a deliberación do pasado 20 de abril no Pazo da Cultura, o xurado —presidido pola concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, e composto por profesionais de recoñecido prestixio como Ángel Cordero, Patricia Gago, María Meseguer e Héctor Manuel Rodríguez Tuset, ademais de Ánxela Criado, en representación do movemento asociativo carballés, e da técnica de Cultura do Concello de Carballo, Carmen Castro, en calidade de secretaria— decidiu outorgar os seguintes recoñecementos:
• Primeiro Premio (1.500 €): Para o prestixioso fotógrafo castellonenco Xavier Ferrer Chust, pola súa obra Gasolinera en Armagossa. Ferrer Chust conta cunha traxectoria avalada por numerosos premios nacionais e internacionais, nove deles o ano pasado, e diversas exposicións en toda España.
• Segundo Premio (750 €): Patrocinado pola Fundación Luís Calvo Sanz, recaeu en José Manuel Pérez Pena pola fotografía Amencer. Pérez Pena repite éxito en Carballo, tras ser galardoado no 2024 co Premio Especial Carballo.
• Premio Especial Carballo (500 €): Patrocinado por Interfilm Carballo para a mellor obra referida ao municipio, foi para Dmytro Yaroshevskyi pola imaxe titulada La ansiedad.
• Accésit (300 €): Concedido a Miguel Ángel Vijande Cea pola súa peza Roxanne.
O Concello de Carballo convida a toda a cidadanía ao acto de entrega de galardóns, que terá lugar o vindeiro mércores 6 de maio ás 20:00 h no andar –1 do Pazo da Cultura. Nese mesmo acto quedará inaugurada a exposición que recolle as obras premiadas e unha selección das mellores fotografías presentadas nesta edición, que reflicten a alta calidade técnica e a diversidade creativa que caracteriza ao certame.

