Desde a semana pasada están chegando a moitos domicilios do concello as notificacións remitidas por SEAGA requirindo a limpeza de fincas que incumpren a normativa de prevención de incendios nos 50 metros arredor dos núcleos rurais. Tramitáronse algo máis de 1.900 cartas, a razón de unha por cada referencia catastral cuberta con maleza ou onde, dependendo das distancias, haxa especies prohibidas coma eucaliptos, piñeiros e acacias. As notificacións dan un prazo de 15 días naturais para levar a cabo as limpezas preventivas que, en todo caso, a lei obriga a efectuar antes do 31 de maio de cada ano. A raíz do envío masivo dos requirimentos, o Concello puxo en marcha o luns unha oficina de asesoramento para a veciñanza que queira informarse sobre o que debe facer ou que desexe presentar algunha alegación. O servizo ofrécese no despacho situado ao lado do salón de plenos en horario de 10:00 a 13:00h e de 16:30 a 18:00h de luns a venres -agás este 1 de maio, que é festivo-. Até o momento levan pasado por alí cerca de 150 persoas que na súa maioría responden a situacións similares.
Da atención ás persoas notificadas está encargándose Silvia López Rodríguez, de Ámbita Oficina Técnica, quen analiza as notificacións que lle trae a veciñanza para ofrecerlle a información máis precisa posible sobre como proceder. “Hai moitas notificacións que traen mal o nome das fincas, algo que en principio non ten maior relevancia xa que o importante é que veña ben a referencia catastral e o nome do titular. Polo demais a xente que pasou por aquí estes días é consciente de que hai que limpar as fincas e, polo que comentan, teñen a vontade de facelo”.
Ter vontade de facelo é unha cousa, e poder facelo dentro do prazo de 15 días que se indica na notificación é outra. Desde a semana pasada en que empezaron a chegar as cartas, as empresas de servizos agroforestais e tractoristas autónomos están notando un repunte súpeto do traballo e mesmo hai quen xa está organizando o traballo por zonas -as faixas e fincas afectadas son públicas e poden verse nesta ligazón– para poder atender a demanda. “A xente que vén quéixase precisamente diso, de que as notificacións dan só 15 días naturais para limpar. É un prazo algo xusto se non tes medios ou non podes por ser unha persoa maior ou por calquera outro motivo. E máis aínda cando os tractoristas e a xente que se dedica á limpeza de montes teñen a axenda chea para as próximas semanas”, comenta López.
Segundo explica a técnica, unha das alegacións que está tramitando vai precisamente nese sentido, solicitando da Administración unha ampliación do prazo “ante a imposibilidade material de facer a limpeza por non dispor de medios para levala a cabo dentro do prazo”. Iso si, independentemente de que esta petición sexa atendida, a lei autonómica de prevención é clara e tallante ao respecto, indicando que as faixas deben estar libres de maleza e de especies amigas do lume antes do 31 de maio de cada ano. Unha obriga que se refire ás faixas secundarias de protección nos 50 metros arredor dos núcleos rurais, pero tamén arredor de solo urbano, solo urbanizable e tamén vivendas illadas.
As persoas que recibisen unha notificación deben rozar e/ou cortar dentro do prazo obrigatorio e, ademais, comunicarlle ao Concello a efectiva realización dos traballos para que o expediente sancionador e, de ser o caso, de execución subsidiaria non vaia adiante. “Unha vez que limpemos a finca, hai que sacar unha ou máis fotos e comunicarlle ao Concello que o traballo está feito“, apunta Silvia López. Para efectuar esta comunicación hai unha ficha que se debe presentar no Rexistro municipal ou pola Sede Electrónica acompañada das imaxes que testemuñen a correcta realización dos traballos.
Nas consultas dos últimos días apareceron situacións que tamén se deben poñer en coñecemento do Concello, sempre acompañadas da documentación acreditativa necesaria. A casuística máis habitual é a seguinte:
- Que a parcela non teña maleza nin especies prohibidas na data da inspección ou da notificación. Débese ter presente que a información recollida nas cartas refírese a inspeccións efectuadas por SEAGA hai uns meses e desde aquela as persoas titulares dos terreos ou dos aproveitamentos puideron ter efectuado as limpezas. Se o caso en cuestión é ese, débese presentar a folla de alegación acompañada das imaxes que acrediten a limpeza.
- Que a persoa notificada non sexa titular do terreo. Se o foi con anterioridade deberá achegar a documentación acreditativa do cambio de titularidade.
- Que a parcela á que se refire a notificación teña unha descrición gráfica distinta ou que estea mal representada en Catastro.
Todas estas circunstancias que, insistimos, deben acreditarse, están recollidas no formulario que pode descargarse ao pé desta información, onde tamén se sinala a opción de solicitar unha ampliación do tempo dado para limpar, co compromiso de “facelo no prazo máis curto posible” achegando nese momento a documentación que probe a efectiva realización dos traballos. Cómpre recordar, por último, que este modelo tamén vale para comunicar formalmente a execución dos traballos dentro do prazo dado.
A veciñanza pode presentar os papeis directamente no Rexistro ou ben pasar antes pola oficina de atención habilitada polo Concello, que seguirá aberta até o próximo 8 de maio, en horario de mañá e tarde: de 10:00 a 13:00 horas e de 16:30 a 18:00h de luns a venres -agás este venres 1 de maio, que é festivo- no despacho situado ao pé do salón de plenos da Casa do Concello (cruzando o patio interior).
Se o trámite se fai pola Sede Electrónica, pódese presentar o formulario como documento adxunto.

